O comité pide incluír Alúmina na venda para suspender a folga, o que “difire do acordado” segundo Alcoa

O persoal reclama reactivar a produción e a brascaxe das cubas operativas; a multinacional di por carta aos obreiros que a proposta varía "moi substancialmente" do previsto na negociación

Planta de alúmina de Alcoa San Cibrao. WIKIPEDIA

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao expuxo este venres a contraproposta formulada esta mañá á multinacional para chegar a un acordo que posibilite o inicio das negociacións de venda das instalacións. Os sindicatos propoñen unha suspensión da folga indefinida ata o 14 de abril a cambio de que a compañía se comprometa de “boa fe” a abordar coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) un traspaso non só da planta de aluminio, onde presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE), senón tamén da refinería de alúmina, pola que ate o de agora rexeitou escoitar ofertas.

A parte social pide ademais garantías sobre as instalacións, como a contratación do persoal suficiente para manter a produción ou que se garanta a brascaxe daquelas cubas actualmente en funcionamento e que poidan chegar á fin da súa vida útil durante o proceso. A alumineira estadounidense comprometeuse a estudar a proposición, que de contar co visto bo da patroal será sometida a referendo entre o persoal.

A CONVERSAS, DE “BOA FE”, DEBERAN COMEZAR ESTE MES

Segundo a proposta dos traballadores, Alcoa debe iniciar coa SEPI a negociación polo complexo industrial “non máis tarde do 27 de xaneiro de 2021″, facéndoo “en termos comerciais e sociais razoables, non entendéndose por tales as causas e forma polas que se deu por rematado, en setembro de 2020, o proceso de venda iniciado en agosto e que formou parte do período de consultas do despedimento colectivo“. Un ERE que foi declarado nulo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), pero sobre o que a multinacional presentou recurso de casación ante o Supremo, mantendo aberta a batalla xudicial.

Alcoa comprométese, segundo a contraproposta, “a negociar de boa fe e coa fin de buscar a continuidade da actividade“.

CREARÍASE UNHA MESA MULTILATERAL INFORMATIVA CON ADMINISTRACIÓNS E SINDICATOS

Respecto a unha fiscalización do proceso, a proposta de acordo recolle que a multinacional “informará da evolución do mencionado proceso tanto á representación dos traballadores como ás Administracións”, constituíndo unha mesa multilateral “cunha frecuencia máxima de 15 días”, pero cunha primeira reunión “que se plantexará no prazo máximo dun mes”.

O COMITÉ RECLAMA QUE SE MANTEÑA A FOLLA DE RUTA PRODUTIVA A 1 DE XANEIRO DO PASADO ANO

No que atinxe ás instalacións, o documento dos traballadores reclama a Alcoa “contar con recursos adicionais segundo as necesidades produtivas e organizativas de produción e mantemento do complexo de San Cibrao, tanto da planta de aluminio como a refinería, ata alcanzar os obxectivos teóricos cos que contaban as instalacións en xaneiro de 2020“. Poñen como exemplo os obreiros que nos departamentos de Electrólise e Brigada de Mantemento “hai establecido un mínimo de persoal“.

INCORPORACIÓN DE 40 TEMPOREIROS

Ademais, Alcoa incorporará aos traballadores afectados polo acordo de febreiro de 2019, que incluía prexubilacións na fábrica e a posibilidade de recolocar traballadores das antigas factorías da multinacional en Avilés e A Coruña a cambio de garantir o contrato de relevo duns 40 temporeiros que contaban coa valoración de aptos. Estes deberán incorporarse nun prazo máximo dun mes.

RENÚNCIASE Á BRASCAXE DAS CUBAS APAGADAS PERO BLÍNDANSE AS QUE SE MANTEÑEN OPERATIVAS

Respecto ás cubas de electrólise, o acordo non contempla aquelas que foron apagadas durante o conflito laboral. Refírese a aquelas en marcha a 14 de xaneiro: “Alcoa parará só aquelas que impliquen un risco potencial para a seguridade das persoas” e para aquela maquinaria que vaia chegando á fin da súa vida útil ata abril, “inmediatamente procederase á rebrascaxe e reparación”.

DEBERASE NEGOCIAR DE NOVO PARA PRORROGAR AS CONDICIÓNS

No tocante ao paro, a proposta inclúe que “a parte social pode ampliar este prazo a resultas da evolución do proceso de venda”, pero tamén podería reactivar a folga “con carácter inmediato e nas mesmas condicións“. Alcoa comprometeríase a “continuar con normalidade a produción de aluminio e a non levar a efecto actuacións que impliquen a paralización da planta ou danos á mesma, co obxectivo de preservar a súa competitividade de cara a unha venda”. Tamén a “non adoptar durante o proceso de negociación ningunha medida extintiva de carácter colectivo”.

AS CENTRAIS PROPOÑEN, DE NON HABER ACORDO, A SOLICITUDE DUNHA ARBITRAXE AO AGA

O acordo quedaría resolto a 14 de abril, polo que debera negociarse de novo para o que suceda máis alá desa data. Finalmente, de non chegaren a un acordo, o comité propón a Alcoa que se solicite conxuntamente unha mediación ou arbitraxe, “propoñendo como sistema axeitado acudir ao AGA“.

ALCOA PRONÚNCIASE A TRAVÉS DUNHA CARTA AOS OBREIROS

“Alcoa sempre estivo aberta ao diálogo tanto cos representantes dos traballadores como cos representantes institucionais, actuando de boa fe e mantén o seu compromiso de asegurar o mellor resultado posible para ambas as partes”, sinalou o presidente da multinacional en España, Álvaro Dorado, nunha comunicación remitida ao persoal despois do breve encontro desta xornada.

O comité enviou unha contraproposta que “difire moi substancialmente” do “acordado previamente“, afirma Alcoa, que con todo non se pronunciou oficialmente máis ca a través do mencionado correo electrónico. As negociacións entre o comité e a dirección seguen así bloqueadas despois da reunión mantida este venres, que durou pouco máis de dez minutos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here