A plataforma de auxiliares ve o preacordo con Alcoa “moi positivo”

Os obreiros das contratistas non participarán no referendo pois "podería ser impugnable" ao non ter vinculación contractual coa multinacional; manteñen o paro, que revisarán en asemblea

Complexo industrial de Alcoa San Cibrao. ELISEO TRIGO/EFE

A plataforma que aglutina a representación sindical nas empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao, en xuntanza extraordinaria, analizou o preacordo do comité coa dirección da multinacional. A coordinadora asegurou que ve o pacto “como moi positivo”, posto que “un desbloqueo da situación de folga sempre é beneficioso xa que o que estamos desexando todos é ter, por fin, un final feliz a esta loita que nos leva sometidos, a nós e á Mariña, a unha gran carga durante máis de nove meses”.

“Débese traballar para que a fábrica sexa vendida e para iso é necesario desbloquear a situación actual e que a planta sexa traspasada co 100% dos postos de traballo e o 100% da produción“, argumenta a coordinadora, despois de que houbese certas discrepancias entre os sindicatos do complexo industrial con motivo do preacordo con Alcoa, que os traballadores están a votar en referendo.

A CIG pediu o voto para as auxiliares na consulta ao persoal e asegurou “asumir pero non compartir” o pacto, que ven con bos ollos CC OO e UGT.

“Tamén vemos positivo, que ao parecer de esta cordinadora, no momento que Alcoa toque postos de traballo tanto do complexo como das auxiliares rematará a paz social“.

Os traballadores das empresas auxiliares finalmente non participarán no referendo dos compañeiros de Alcoa, “por un problema de vinculación legal. Pode ser impugnada dita votación se participan traballadores que non teñen relación contractual coa multinacional”, aclara o colectivo.

Con todo, a folga das auxiliares segue convocada e en activo, paro “sobre o que se debaterá o futuro nunha próxima asamblea de delegados de empresas auxiliares”.

Os traballadores tamén amosaron o seu apoio “ao compañeiro despedido de Dominium e a todo o persoal”.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here