Os obreiros de Alcoa formarán o lema “peche non” fronte á Torre de Hércules

O Pescados Rubén expresa o seu apoio aos traballadores e pide "diálogo" para manter o emprego

Os obreiros concentraránse na rampa da torre. AXM

Os traballadores de Alcoa na Coruña realizarán este sábado unha concentración fronte á Torre de Hércules contra o peche das factorías coruñesa e avilesina da multinacional do aluminio.

Os obreiros convocaron para as 12.00 horas un acto de protesta aberto, ao que convidan a calquera persoa interesada en apoiar a continuidade das fábricas.

Os empregados reuniranse na rampa de acceso ao monumento e formarán o lema “peche non!!!”.

O XOVES, EN AVILÉS

Antes, o comité de empresa de Avilés convocou unha manifestación para o día 8, desde as 19.00 horas, á que acudirán empregados de San Cibrao.

REUNIÓN COS POLÍTICOS EN SAN CIBRAO

A asemblea de traballadores da planta de Cervo decidirá nos próximos días unha data para a manifestación que realizará en Viveiro, á que está chamada a poboación da comarca da Mariña Lucense.

O vindeiro venres, o comité de empresa sancibrense manterá un encontro con representantes dos partidos políticos para coñecer as xestións para o abaratamento e a estabilidade da tarifa eléctrica.

O alto prezo da enerxía é o principal problema que acucia ás plantas españolas, segundo os traballadores.

SEGUE O PERÍODO DE CONSULTAS

Alcoa convocou este martes, 6 de novembro, a segunda reunión do período de consultas do ERE de extinción anunciado para dúas das súas tres fábricas españolas.

Tras unha primeira toma de contacto que resultou un fracaso, non se esperan avances na segunda xuntanza.

Os traballadores asegurán que non negociarán mentres haxa abertas frontes xudiciais contra a multinacional.

APOIO DO DEPORTE

O Pescados Rubén Burela FS emitiu un comunicado a través do que apoia a loita dos empregados.

Alcoa San Cibrao forma parte do pasado, presente e futuro da Mariña Lucense”, destaca a nota.

A entidade deportiva insta “ás institucións competentes” a abrir “vías de diálogo para manter os postos de traballo que agora mesmo están en serio perigo na Coruña e Avilés, así como para garantir a estabilidade da planta cervense”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here