Alcoa comunica aos traballadores o inicio da negociación para a venda de Aluminio

A primeira mesa multilateral para informar sobre as conversas entre a compañía e a SEPI celebrarase o 22 de febreiro

Vista xeral do complexo industrial de Alcoa. EFE/ELISEO TRIGO

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao anunciou este xoves a través dun comunicado que recibiu notificación do inicio da negociación para unha venda da planta de Aluminio á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), tal e como se acordou no pacto entre a multinacional e os traballadores, que implicaba a suspensión da folga indefinida que os obreiros mantiñan desde outubro, a cambio de negociar un traspaso das instalacións.

Segundo a mesma nota do organismo de representación do persoal, a primeira mesa multilateral informativa sobre o proceso -sindicatos e compañía acordaron que se celebrase unha cada mes- será o 22 de febreiro. Para esta reunión Alcoa citará tanto ás Administracións, Goberno central e Xunta de Galicia, como ás propias centrais sindicais.

Este venres cumpríase formalmente o prazo pactado entre a parte social e a empresa para o inicio das negociacións. Segundo o acordo, só se abordará a venda da planta de aluminio, quedando fóra das conversas a refinería de alúmina. O acordo para unha “paz social” no complexo e posibilitar unha venda finaliza o vindeiro 30 de abril, coa posibilidade de que sexa prorrogable se Alcoa e SEPI avanzaron para a consecución do traspaso. De non ser así, os obreiros teñen a opción de retomar a folga nas mesmas condicións establecidas antes da súa suspensión.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here