A crise sanitaria provoca o aprazamento de Expomar

Si se manteñen as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que se desenvolverán de xeito telemático

Edición anterior de Expomar. EXPOMAR

O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, anunciou que en maio deste ano non se celebrará unha nova edición da Feira Náutico Pesqueira, debido á situación sanitaria que estamos a vivir. Si se manteñen as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que se desenvolverán de xeito telemático.

Trala xuntanza que mantivo nas últimas horas a fundación, Llano explicou que “a nosa conclusión unánime é que no mes de maio é imposible facer nin a Feira Expomar nin calquera outro evento que requira gran movemento de material e de persoas que teñen que estar nun recinto. Polo tanto, en principio decidimos non convocar a ninguén. Imos observar como vai a seguridade sanitaria, como vai evolucionando todo pero, evidentemente, se vemos que non hai seguridade e pode repercutir negativamente na celebración, non a imos facer. Iremos tomando as decisións correspondentes a medida que pase o tempo”, explicou.

SOLICITARASE QUE BURELA ACOLLA O CONSELLO GALEGO DE PESCA

O alcalde burelao subliñou que “queremos que o sector náutico pesqueiro sexa protagonista e estea sempre aí. Polo tanto, imos manter as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial no mes de maio. Será seguramente de xeito telemático e miraremos os mellores temas e os mellores profesionais para participar nas conferencias onde analizar a situación do sector porque realmente é algo que preocupa. Tamén procuraremos contar coa celebración unha vez máis do Consello de Pesca de Galicia”, concretou.

Llano dixo que “imos reunirnos de novo en abril para falar deste tema. Unha vez que pase a Semana Santa volveremos xuntarnos con propostas para facer unhas Xornadas Técnicas coa xente máis implicada. Iremos observando como evoluciona todo no seu conxunto, e veremos como é posible facer, xa que hai outras feiras que tamén se están anulando, e iremos entón tomando decisións. Evidentemente, agora tal e como están as cousas, é moi complexo tomar algo en firme, pero temos un interese total polo sector náutico pesqueiro e desde a Fundación Expomar queremos facer o máximo posible para que o sector estea ben representado”, finalizou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here