Ence presume de xerar máis de 2,2 millóns de MWh de enerxía renovable no 2020

A empresa asegura que é o suficiente para cubrir as necesidades domésticas de máis de 1,8 millóns de persoas

Ence Navia. WIKIPEDIA

Ence Enerxía e Celulosa xerou en 2020 máis de 2,2 millóns de megawatts hora (MWh) de enerxía renovable a partir maioritariamente de biomasa, suficiente para cubrir as necesidades domésticas de máis de 1,8 millóns de persoas, informou a compañía.

En concreto, nas súas biofábricas de celulosa de Navia e Pontevedra Ence produciu máis de 800.000 MWh de enerxía renovable a partir de biomasa e lignina. A compañía conta cunha potencia instalada de 112 MW nas súas plantas de celulosa, e cunha capacidade de produción anual de 900 GWh, que as converte en autosuficientes, achegando á rede eléctrica o excedente de produción.

Pola súa banda, a enerxía producida en todas as plantas independentes da compañía ascendeu a máis de 1,4 millóns de MWh. O grupo consumiu o ano pasado preto de 1,5 millóns de toneladas de biomasa procedente fundamentalmente de actividades agrícolas que, sinala, “doutra forma, serían queimadas no mesmo campo, perdéndose o seu valor enerxético e provocando un problema ambiental”.

En 2021, o grupo papeleiro di que segue avanzando co seu plan de crecemento en enerxías ‘verdes’, no que vai desenvolver proxectos de biomasa que sumarán outros 140 MW máis. Os proxectos en marcha son para catro plantas de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa agroforestal en Almería, Cidade Real e Córdoba. A iso engadiranse 240 MW en catro plantas fotovoltaicas en Huelva, Sevilla e Xaén.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here