Os obreiros protestarán o día 16 nos accesos á fábrica para esixir a Alcoa que rectifique

O comité reuniuse este venres con representantes de PP, PSOE, En Marea, BNG e Ciudadanos

Reunión do comité cos representantes dos partidos. AXM

Os traballadores de Alcoa en San Cibrao solicitaron permiso para a realización dunha manifestación o vindeiro venres, desde o cruce de suministros ata a entrada da fábrica, para esixirlle á multinacional do aluminio que retire o ERE de extinción presentado para as plantas de Avilés e A Coruña.

A marcha comezará ás 7.00 horas e os operarios cubrirán un traxecto de entre 1,5 e dous quilómetros aproximadamente.

Polo de agora, a data da manifestación prevista en Viveiro para mediados deste mes de novembro quedará a expensas “dos actos que decidan os compañeiros de Avilés e A Coruña”, indica Paleo.

A CONTRARRELOXO

O período de consultas que iniciou a empresa rematará no mes de decembro, polo que os traballadores saben que manobran a contrarreloxo para evitar os despedimentos de 317 empregados na Coruña e 369 en Avilés.

Alcoa presentounos un plantexamento pechado, non nos convocou para negociar senón para anunciarnos un ERE de extinción. É necesario dialogar porque a solución non é cousa de vinte días”, expón Paleo.

XUNTANZA COS POLÍTICOS

Para transmitirlles ás administracións a necesidade prioritaria de “convencer a Alcoa de que voluntariamente retire o ERE e nos sentemos a falar”, o comité de empresa citou este venres na planta a representantes dos partidos políticos.

Os obreiros insisten en que o motivo que hai detrás do anuncio de peche das factorías é o custe da tarifa eléctrica, “tres veces maior ca noutros países europeos”, e “a pouca estabilidade da mesma, de seis meses fronte aos 20 anos de Noruega”.

O presidente do comité de empresa da fábrica sancibrense, Xosé Paleo, asegurou que os representantes dos partidos “entenderon que a solución ao problema da fabricación do aluminio é unha cuestión de vontade política”.

Trátase de regular o prezo da enerxía eléctrica, no que a maior parte, cerca do 60%”, subliña o sindicalista, “son peaxes e taxas políticas e non o custo da produción”.

Asistiron ao acto Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove (PP); a deputada do Parlamento galego Patricia Otero e o voceiro do goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, ambos do PSOE; Miguel Anxo Fernán Vello, deputado no Congreso de En Marea; a parlamentaria na Cámara galega Olalla Rodil, do BNG, e a coordinadora do Bloque na bisbarra, Ana Ermida; e Manuel Vicente, voceiro de Ciudadanos na Mariña, entre outros representantes.

PARTIDO DO BURELA FSF

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao anunciou que o vindeiro domingo acudirá cunha pancarta ao partido do Pescados Rubén Burela FSF fronte ao Penya Esplugues (Vista Alegre, 12.00 horas).

A entidade laranxa, que días atrás emitiu un comunicado de apoio aos empregados, permitiu aos traballadores visibilizar o conflito laboral

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here