A Xunta pide a Alcoa e SEPI a pechar “o antes posible” a venda: “ningún elemento debera impedir un acordo”

Conde cre que "non debera haber ningún elemento que impedise un pacto"; a subdelegada do Goberno asegura que "toca ser prudentes" pero "apréciase vontade negociadora"

Reunión telemática de Francisco Conde con AEGE. AXM

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou este luns, por vía telemática, na mesa multilateral de Alcoa á que tamén asistiron representantes da empresa, dúas traballadores e do Goberno español. Nela, pediu á multinacional e á SEPI que pechen “canto antes” a venda da planta da Mariña de Lugo para, deste xeito, dar paso a un investidor que garanta tanto a continuidade da actividade coa produción de aluminio primario, como dos empregos.

Conde trasladou ou apoio da Xunta ao Goberno central para impulsar as negociacións entre Alcoa e a Sepi e que cheguen a bo porto. Incidiu en que Galicia necesita pechar canto antes a venda ordenada de Alcoa para deixar paso a un investidor como pode ser Liberty House, que leva “meses amosando o seu interese” por facerse coa factoría de Cervo. Neste sentido, afirmou, é fundamental manterse na “senda do entendemento”.

O 30 DE ABRIL, DATA FIXADA PARA UNHA VENDA

O conselleiro de Industria confirmou que Goberno e Alcoa fíxanse o 30 de abril como data para pechar unha venda.

“O que trasladamos é a nosa disposición a colaborar en todo o que sexa requerido”, indicou Conde, pola “necesidade de axilizar o proceso”. Con respecto a Alcoa, “trasladou de forma clara o seu interese de chegar canto antes a un acordo, e aí hai unha confluencia de posicións para que todo poida concluír o máis cedo posible. Hai un term sheet, cunhas condicións xerais que poñen o proceso practicamente nunha situación similar ao anterior, do 27 de setembro, dentro do expediente de regulación de emprego (ERE), e a partir de agora van ser a base dun proceso negociador, e dos compromisos que terá que asumir a SEPI e o futuro comprador, Liberty House”, sinalou.

Sobre o que requeriu a Alcoa, Conde expuxo que pediu á multinacional “poñer todas as facilidades para identificar as claves que nos ten que achegar para ese acordo de compra-venda final”.

A SITUACIÓN DE ALUMINIO “EN RELACIÓN CON ALÚMINA” MARCARÁ AS NEGOCIACIÓNS

“Penso que as perspectivas son boas, dado que se aprecia que hai vontade de negociar. Neste momento toca ser moi prudentes, pero quero expresar a miña confianza en que as negociacións cheguen a bo porto”, engadiu.

No que atinxe ás posibilidades dun acordo e preguntado sobre as cuestións clave para pechalo, o conselleiro de Industria indicou que “o contexto é distinto ao de setembro, porque vimos dunha resolución xudicial que marca a nulidade do ERE; así hai unha posición que cambia”, salientou. “A situación da planta de aluminio en relación con alúmina marcará as negociacións”, matizou, aínda que insistiu en que “non debera haber ningún elemento que impedise un pacto“, engadiu.

Conde ratificou que o obxectivo segue sendo ou mesmo: “salvagardar os 524 postos de traballo -non incluíu os outros arredor de 400 empregos nas empresas auxiliares– que están en perigo a través dun proxecto empresarial viable e con futuro para A Mariña de Lugo e para Galicia”. Ademais lembrou que é “a única planta que actualmente produce aluminio primario en España, polo que ten un gran valor estratéxico”, finalizou.

A SUBDELEGADA DO GOBERNO: “OS OBREIROS TEÑEN UN ALIADO NO EXECUTIVO”

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, expresou a súa confianza en que fructifiquen as negociacións abertas para a venda da fábrica de Alcoa en San Cibrao.

Rodríguez manifestou que “aínda que estamos ao principio do camiño, penso que as perspectivas son boas, xa que se aprecia que hai vontade negociadora. Neste momento toca ser moi prudentes, pero quero expresar a miña confianza en que as negociacións poden chegar a bo porto”.

A subdelegada agradeceu aos traballadores de Alcoa “a súa aposta polo diálogo e a súa prudencia, nun momento que é de vital importancia para chegar a unha saída de futuro”.

“Lembrar que no Goberno teñen un aliado. O noso empeño sempre foi garantir o futuro do emprego e da actividade na  comarca da Mariña”, declarou Rodríguez. Neste sentido, a subdelegada destacou “a implicación do Secretario Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, Raül Blanco, que, desde o primeiro momento, estivo sempre ao pé do canón, traballando sempre con moito tino e con moita intelixencia, sen buscar nunca protagonismo, na procura de solucións para San Cibrao”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here