Ence fala dun récord de eficiencia na fábrica de Navia, con case 573.000 toneladas de pasta de papel en 2020

A compañía presume da "maior e máis eficiente fábrica de celulosa de mercado de eucalipto instalada en Europa"

Planta de Ence en Navia. AXM

A biofábrica de Ence en Navia alcanzou no 2020 uns resultados de eficiencia que marcan novos rexistros históricos para a planta, segundo indicou a empresa a través dun comunicado de prensa. Das instalacións de Ence no Occidente de Asturias saíron ao longo do pasado exercicio un total de 572.565 toneladas de pasta de papel, o que supón un novo récord para a biofábrica.

Segundo concreta a compañía, foi un ano moi destacado, igualmente, en enerxía renovable, ao alcanzar unhas vendas de 222.845 MWh na caldeira de biomasa agroforestal e 345.716 MWh na que utiliza como combustible a lignina presente na propia madeira da que se extrae a celulosa. “De feito, a biofábrica asturiana é autosuficiente e excedentaria en enerxía, aproveitando de xeito integral e sostible a súa materia prima, o que a converte en paradigma do modelo da economía circular”, sostén Ence, que resalta que os resultados foron acadados “nun período de extraordinaria dificultade, marcado pola crise sanitaria e entre estritas medidas de seguridade para evitar contaxios e garantir a saúde e o benestar de todo o equipo humano”.

Con todo, “a actividade de Ence foi declarada como esencial“, o que “contribuíu a manter integramente o emprego, non só o directo, senón tamén aqueles postos de traballo relacionados coa cadea forestal e a loxística, ademais das empresas auxiliares e colaboradoras no ámbito industrial”.

“Este aumento da eficiencia da planta alcanzouse grazas á optimización realizada polo equipo humano de Ence dos últimos investimentos realizados na planta. Estes investimentos, contabilizados en 2019 e 2020, ascenderon a 163 millóns de euros, dos que unha cuarta parte destínase a melloras medioambientais”, sinala Ence.

ASEGURA QUE REDUCIU AS EMISIÓNS UN 25% E O CONSUMO DE AUGA UN 11,6%

A empresa subliña tamén “a mellora no comportamento ambiental da planta no exercicio 2020, no que se realizaron avances remarcables. Así, ao longo do ano fóronse consolidando os resultados de mellora ambiental trala implantación do proxecto Navia 80 e evidenciáronse melloras ambientais na calidade do efluente líquido (que mellorou nun 37%) e na redución de emisións (do 25%), así como no consumo específico de auga (que se reduciu un 11,6%)”, subliña a compañía.

Do mesmo xeito, o pasado ano a planta recibiu o recoñecemento Residuo Cero que outorga AENOR a aquelas organizacións que levan a cabo unha xestión máis eficiente das súas residuos e que son capaces de valorizarlos. Deste xeito, a planta de Ence en Asturias sumouse ao xa outorgado á biofábrica da compañía en Pontevedra.

A biofábrica de Navia “consolídase deste xeito como a de maior produción dentro do grupo Ence, ademais de ser a maior e máis eficiente fábrica de celulosa de mercado de eucalipto instalada en Europa. A celulosa de Ence é demandada pola súa alta calidade, recoñecida no sector como a mellor do mundo, así como pola flexibilidade na súa produción, que permite unha maior adaptación ás necesidades das empresas papeleiras”, presume a compañía.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here