A operación policial contra Alu Ibérica “arrefría” as negociacións de Alcoa

O presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, di que esta "incerteza" afecta á economía local.

O comité de Alcoa, nunha concentración ante a Subdelegación do Goberno central. AXM

O presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, asegurou este xoves que “parece que se arrefriaron” as negociacións pola venda de factoría tras a entrada da UDEF nas plantas de Alu Ibérica, hai unha semana.

“Parece que se arrefriaron todas as negociacións desde a entrada da Unidade de Delitos Económicos da Policía Nacional nas oficinas” de Alu Ibérica, acreditou. Zan subliñou que están “en mans, agora mesmo, do Goberno e da Xunta de Galicia, que prometeron unha intervención para que a SEPI se fixera coas plantas (de aluminio e alumina)”. “Estamos pendentes desa negociación e non temos ningunha novidade sobre ese tema”, apuntou.

Ademais, sinalou que desde a multinacional non se puxeron en contacto co comité de empresa, que está pendente “dunha reunión”, que veñen mantendo mes a mes. “Na fábrica está estabilizado todo o sistema produtivo e de cobro. Temos a necesidade de chegar a un punto de encontro despois dun ano de conflito”, subscribe Zan.

O presidente do comité de empresa alertou de que esta “incerteza” afecta “moi gravemente á economía da comarca (A Mariña)”. “E aí é onde entra a responsabilidade dun goberno e da Xunta, de solucionar o problema canto antes”, apuntou.

Por último, constatou que seguen “producindo con normalidade”. “Estamos a facer o que sabemos facer moi ben, que é aluminio, pero o que queremos é ter unha solución e que os gobernos cumpran coa súa palabra e poñan solucións encima da mesa”, apremou o sindicalista de Comisións Obreiras.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here