A CIG critica “nula transparencia” nas conversacións para a venda de Alcoa

Apunta a unha "intervención pública directa" da planta.

Un traballador, nunha concentración por Alcoa. EP/GC/CARLOS CASTRO

A CIG critica a “nula transparencia” nas conversacións para a venda da planta de aluminio de San Cibrao, en Cervo, e a “irresponsabilidade” dos gobernos e de Alcoa “que seguen xogando co futuro dos traballadores” ao “non avanzar” nas negociacións.

A través dunha nota de prensa, o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, lamentou que “no canto de avanzar se estea aínda nunha situación de total incerteza”. “Non hai pretexto para que Alcoa e o Goberno español continúen sen alcanzar unha solución, tendo en conta as semanas transcorridas desde que a multinacional aceptou abrir un proceso de venda”, subliña.

Se o paso do tempo “afasta máis aínda unha saída de viabilidade que permita manter a produción de aluminio e todos os postos de traballo”, a CIG apunta a unha “intervención pública directa” da planta.

O SINDICATO LAMENTA QUE ALCOA “NON FAI MANTEMENTO” E AS INSTALACIÓNS “ESTANSE DETERIORANDO”

Neste sentido, Carril advirte de que “canto máis pase o tempo máis se deteriorarán as instalacións que, ademais, precisan dun mantemento e duns investimentos permanentes que a empresa non está facendo. Non hai que perder de vista que nada máis anunciar Alcoa que ía presentar un ERE, as auxiliares Cyrgasa e Reymogasa, que realizan as tarefas de rebrascaxe das cubas, aplicaron un ERTE que a día de hoxe segue vixente”, sinalou.

Neste senso, á CIG preocúpalle que Alcoa “pretende gañar tempo con esta manobra”, na espera de que prospere o recurso xudicial contra a sentenza que anulou o ERE; e ao tempo “preocúpanos a lentitude do goberno e da Xunta para garantir a continuidade industrial e dos empregos”.

CHAMA A NOVAS MOBILIZACIÓNS

“A comarca da Mariña non pode consentir que se xogue co seu futuro e por iso a CIG considera que, se a mobilización foi determinante para chegar ao escenario actual, é necesario retomar o pulso mobilizador para forzar unha solución que nin Alcoa nin os gobernos parecen acadar”, conclúe Carril.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here