InicioEconomíaA frota de baixura, farta de estar baixo sospeita: "se Europa quere...

A frota de baixura, farta de estar baixo sospeita: “se Europa quere acabar coa pesca extractiva que o diga”

Burela ou Celeiro, entre outros portos, acolleron concentracións, coa participación de barcos de altura, nunha xornada de folga pola modificación do regulamento de control de pesca

Publicada o

- Advertisement -

A frota da Mariña, principalmente barcos de baixura que contaron co apoio de buques de artes maiores, concentrouse este venres nos portos da comarca, Burela ou Celeiro entre eles, para reclamar á Unión Europea que “deixe de criminalizar o sector” ante o novo regulamento de control de pesca previsto por Bruxelas.

Nunha xornada de folga a nivel estatal que visibilizaron ao mediodía con concentracións nas dársenas, facendo soar as súas bucinas, as tripulacións amosaron a súa “fartura” por unha normativa cada vez máis restritiva, que os trata “como delincuentes“.

Así resume o patrón maior de Burela e presidente da Federación Española de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero, a visión do sector sobre as medidas incluídas no regulamento de control, entre elas a obriga de que as embarcacións de máis de catro metros teñan que estar xeolocalizadas, da transmisión telemática de datos cun diario electrónico ou da instalación de cámaras de videovixilancia. “Son trabas e máis trabas e ata aquí chegamos”, afirma.

O SECTOR NON ENTENDE AS OBRIGAS DE XEOLOCALIZACIÓN OU DE INSTALAR CÁMARAS DE VIDEOVIXILANCIA

“Non entendemos estas obrigas; que teñan que facer unha xeolocalización ou unha transmisión telemática de dados cando hai embarcacións que traballan moitas especies que non teñen nin TAC nin cota, como por exemplo as de marisqueo a flote que teñen a súa propia regulación validada cada ano pola Xunta de Galicia, con gardapescas propios para coidar da bioloxía da especie”, explica. Outra mostra, asegura, é a situación das empresas que faenan ao polbo ou o congro.

“Incluso as especies que teñen TAC e cota, que según a Política Pesqueira Común (PPC), tiñan que estar en Rendementos Máximos Sostibles (RMS) no ano 2020, xa cumpriron un ano antes; iso desmonta o mantra que tiñan os biólogos”, sostén Otero.

Deste xeito, entenden este endurecemento da normativa como a gota que pinga o vaso, despois de anos reclamando que se teñan máis en conta os criterios socioeconómicos á hora de repartir as posibilidades de pesca.

“Non entendemos que facemos mal nin que queren de nós; cremos que o lema ‘somos pescadores e non delicuentes’ ten moito sentido, porque aquí todo o mundo é inocente ata que se demostre o contrario, pero a nós sempre se nos presume culpables. Somos un dos países de Europa con máis inspeccións e menos porcentaxe de actas de infraccións“, salienta.

“Estamos seguros de que non vai ser o último paso”, indica Otero. “Xa hai problemas coas embarcacións de litoral, ou coas de cerco, cando en ocasións dependendo da especie á que anden teñen que estar paradas en porto dúas horas para transmitir porque non teñen ese tempo de camiño”, lamenta.

Nese sentido, Otero urxe a Bruxelas a que, “se tanto desconfían de nós”, que “sexan valentes e digan que queren quitar a pesca extractiva de Europa“.

“NON HAI NINGUNHA ACTIVIDADE EMPRESARIAL TAN VIXILADA”

“As embarcacións xa teñen diario de papel, as meirandes diario electrónico; hai Garda Civil do Mar, Seprona, a Armada, aduanas, Gardacostas de Galicia, Inspectores do Mapa. Quen máis nos ten que inspeccionar? Non hai absolutamente ningunha actividade empresarial que estea tan vixilada nin que teñan tantas trabas“, remarca.

Para a baixura o novo regulamento “é unha aberración” e suporá “cousas moi novas”, pero Otero subliña que tamén se verá afectada a frota de altura, pois Bruxelas desoe “as nosas peticións de que se amplíe o porcentaxe de erro en pesquerías específicas. Calquera calcula, por exemplo, cando se faena ao bonito“, concreta.

A concentración de Burela contou co apoio de varios concelleiros e concelleiras do goberno de Burela, entre eles o tenente de alcalde, o socialista Ramiro Fernández Rey, e tamén co respaldo de edís de diferentes municipios do BNG, ademais da presenza do parlamentario nacionalista Daniel Castro. Ademais, a Fundación Expomar amosou publicamente o seu aval á protesta.

Protesta en Celeiro. AXM

A CORPORACIÓN DE VIVEIRO LEVARÁ A PLENO UNHA MOCIÓN A INSTANCIAS DA CONFRARÍA

En Viveiro, o goberno local informou de que por parte da Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro remitiu un escrito á Alcaldía co texto para a presentación dunha moción conxunta, de toda a corporación municipal, co obxecto de demandar a eliminación das modificacións do regulamento con respecto á frota artesanal.

Esta moción será incluída na orde do día do vindeiro pleno, que terá lugar o 6 de abril de 2021, por acordo de PSdG-PSOEPPPor Viveiro, BNG e concelleiro non adscrito. O acto de Celeiro, segundo concretou o propio executivo local, tivo o apoio de membros do goberno municipal, entre eles o tendente de alcalde e concelleiro de Mar, Suso Fernández.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...