Máis de 40 obreiros de Reymogasa e Cyrgasa cumprirán un ano en Erte ao renunciar Alcoa á brascaxe das cubas

Os sindicatos e as contratistas asinaron senllas prórrogas dos expedientes de regulación temporal de emprego, ata o 31 de maio

Vista xeral do complexo industrial de Alcoa. EFE/ELISEO TRIGO

Máis de corenta traballadores de dúas empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao, Cyrgasa e Reymogasa, cumprirán a finais do vindeiro mes un ano en Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) despois de que a multinacional renunciase á brascaxe das cubas de electrólise na primavera do 2020. Os representantes sindicais nestas dúas contratistas asinaron nas últimas semanas senllas prórrogas dos Ertes, coas mesmas condicións acordadas con anterioridade, ata o vindeiro 31 de maio.

En Cyrgasa, empresa na que doce traballadores se viron afectados polo Erte asinado o pasado ano, a prórroga regulará a situación dun total de oito operarios, xa que algúns deles cumpriron o período máximo pactado de 150 días baixo o expediente e xa retomaron ou retomarán en breve a súa xornada laboral habitual.

En Reymogasa, a prórroga do Erte afectará, como o fixo até o de agora, a 33 traballadores, que supoñen algo menos da metade do cadro de persoal, de arredor de 70 empregados.

OS SINDICATOS TEMEN RECORTES MÁIS DRÁSTICOS NO EMPREGO DE CONTINUAR A SITUACIÓN

A brascaxe das cubas, as tarefas que son necesarias para reactivar a maquinaria de electrólise, na planta de aluminio, cando chega á fin da súa vida útil, co obxectivo de poder ser reutilizada, teñen un peso importante na facturación destas empresas contratistas, polo que os traballadores lamentan a incerteza á que se ven abocados e temen recortes máis drásticos no tocante ao emprego.

O presidente do comité de empresa de Cyrgasa, Diego Fernández, salienta que “non sabemos canto pode aguantar máis (a contratista); xa vai un ano case que non hai brascaxe de cubas e as persoas que se incorporaron están facendo outros traballos, noutros departamentos. Se esta situación se alonga no tempo cremos que a dirección pode tomar outras determinacións“, explica.

Fontes do comité de Reymogasa explican que para esta empresa “brascaxe e taller son as tarefas esenciais“, traballando habitualmente “na reactivación dun par de cubas por semana”, polo que a dirección “tivo que ir buscando traballos para poder ter os mínimos empregados posibles en Erte”.

A BRASCAXE NON ESTÁ BLINDADA POLA SENTENZA QUE DECLAROU NULO O ERE

A decisión de parar a brascaxe é anterior ao anuncio do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por Alcoa, de xeito que a sentenza que declarou nulo o despedimento colectivo non obriga á multinacional a retomar as tarefas.

No preacordo alcanzado cos sindicatos do complexo industrial para suspender a folga indefinida posibilitar unha venda, Alcoa comprometíase a “manter o número de cubas activas por riba do límite técnico de ambas series, procedendo, en caso necesario, á brascaxe e reparación ou substitución para alcanzar o mencionado límite técnico”.

Así as cousas, os traballadores das contratistas, sen a garantía legal sobre estas tarefas de brascaxe que si teñen os restantes traballos ordenados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, teñen os ollos no proceso de venda da planta de aluminio, “que nos afecta directamente“, lembran.

O VINDEIRO MARTES, REUNIÓN CHAVE POLO FUTURO DA PLANTA DE ALUMINIO

“Se se vende a fábrica teremos que ver se os nosos traballos comezan de novo. Se a adquire a SEPI, veremos se di que se retoman esas tarefas ou se agarda polo novo comprador, Liberty House ou quen sexa. Se non hai brascaxe, a situación sería crítica“, sinalan fontes do comité de Reymogasa.

A Mariña agarda con expectación a reunión de mañá, martes 6 de abril, convocada polo Goberno central para abordar a situación da planta de aluminio. Será ás 16.00 horas.

O Goberno cita aos sindicatos o 6 de abril para abordar a situación da planta de aluminio

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here