O presidente do comité: “algunha das esixencias de Alcoa é inadmisible”

Zan pide ao Goberno "que se poña as pilas" para acelerar as negociacións de venda da planta de aluminio

Boneco na planta de Alcoa, durante as protestas polo ERE. AXM

EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, opina que algunha das esixencias expostas pola multinacional para pechar o acordo de venda da planta de aluminio primario á SEPI son “inadmisibles”, pero tamén lle pediu ao Goberno central que “se poña as pilas” para acelerar as negociacións e completar o traspaso.

Zan fixo estas declaracións unha vez celebrada unha reunión deste martes entre o Goberno, Xunta de Galicia e representantes dos traballadores para analizar a marcha desas negociacións entre a multinacional e a SEPI para a venda da fábrica de aluminio primario.

Desde o seu punto de vista é “inadmisible a esixencia de inmunidade” que expón Alcoa fronte a posibles “denuncias presentes e futuras” en relación coa actividade do complexo industrial de San Cibrao.

Nese sentido, precisou que “haberá cousas das que terá que facerse cargo o que entre”, cando asuma a dirección da factoría, pero outras están relacionadas coa xestión que fixo do complexo Alcoa nos últimos anos, polo que sería “desatinado” imputarllas a un novo xestor.

Por outra banda, en relación co posible comprador final da factoría, Zan explicou que o Goberno xa recibiu “probas da solvencia” de Liberty, pero quere que a multinacional achegar “algunha máis”.

Algo que podería ocorrer, dixo o presidente do comité, nunha reunión que terá lugar entre ambas as partes esta semana. O comité de empresa celebrará un pleno este venres para analizar, entre outras cuestións, a información á que tivo acceso na reunión co Goberno e a Xunta de Galicia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here