O comité de Alcoa: “Non sabemos que fai o Ministerio; segue sen dar noticias”

"Se os traballadores teñen que volver á rúa, sería un despropósito provocado polo goberno", aseguran, críticos coa falta de información sobre o proceso de venda a falta de dous días para que venza o prazo.

O presidente do comité, José Antonio Zan, na asemblea de traballadores, acompañado do voceiro da UGT, Tino Fernández. JUAN MAYA

EFE | A falta de dous días para que se cumpra o prazo que se deron os traballadores e a multinacional para completar a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao á SEPI, o comité de empresa asegura que o “Ministerio de Industria segue sen dar noticias”, polo que xa avisa de que, se o proceso non chega a bo porto, “haberá que pedirlles responsabilidades ao Goberno e ao Partido Socialista”.

“Falta que o compromiso demostrado polos traballadores sexa correspondido pola ministra e polo secretario de Industria”, dixo o presidente do comité, José Antonio Zan, quen opina que “non pode ser que sexa agora un Goberno o que peche unha fábrica”.

Zan lembrou que  “a SEPI ía chegar a un acordo con Alcoa e despois venderlle a fábrica a un terceiro”. “Quen sexa o terceiro, a nós dános igual. Que o cumpran”, engadiu.

En canto á solvencia do posible comprador, o presidente do comité precisou que o grupo Alvance-Liberty- “xa entregou a documentación”, pero os traballadores “non saben nada do que está a facer o Ministerio”, porque “non contesta as súas mensaxes”.

“Estamos pendentes dunha reunión para que nos informe dos avances”, precisou Zan, quen opina que ese encontro ten que producirse “canto antes”, porque o tempo esgótase e “se os traballadores teñen que volver á rúa, sería un despropósito provocado polo Goberno”.

En todo caso, avisou de que están dispostos a facelo, “a loitar con unllas e dentes” polos postos de traballo e por unha solución industrial que “sexa viable” e garanta o mantemento da produción de aluminio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here