O Bloque pedirá no Congreso a creación dunha Autoridade Portuaria propia para A Mariña

Di que a segregación de Ferrol permitiría unha mellor xestión e ordenación do territorio e a planificación das infraestruturas de forma autocentrada.

Porto de San Cibrao. AUTORIDADE PORTUARIA FERROL-SAN CIBRAO

EFE. O Bloque Nacionalista Galego pedirá no Congreso dos Deputados e no Parlamento de Galicia a creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao (Lugo) e a apertura do dique norte de Morás.

Diso informou a formación nacionalista nun comunicado remitido aos medios, no que dá conta da reunión mantida este xoves entre o deputado do BNG na Cámara baixa, Néstor Rego, cunha representación sindical da comarca da Mariña e representantes da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). No encontro, tamén participou o deputado autonómico Daniel Castro, e a responsable comarcal da formación na Mariña, Ana Ermida.

“A pesar de que en 2002 foi creada a Provincia Marítima de Lugo e da importancia do Porto de San Cibrao dentro da comarca da Mariña, a día de hoxe, a costa lucense continúa sen ter unha Autoridade Portuaria propia”, sinala a formación nacionalista.

O Bloque asegura que a xestión e ordenación destes recursos desde a propia comarca repercutiría de forma “moi positiva” e “favorecería” o desenvolvemento económico, xa que “todos os recursos que xera agora mesmo o porto de Alcoa poderían ser investidos alí onde se producen”.

“Existen sobrados motivos, ademais dos de índole económico, que avalan a necesidade de crear Autoridade Portuaria propia en San Cibrao, segregándola da de Ferrol, pois permitiría unha mellor xestión e ordenación do territorio e a planificación das infraestruturas de forma autocentrada”, indica o Bloque, que sostén que o que se recada no porto utilizado por Alcoa podería reverter na comarca directamente”.

LIBERALIZACIÓN DO DIQUE DE MORÁS

Así mesmo, Néstor Rego asegurou que debe de ser acometida a liberalización do denominado dique norte de Morás e situar á fronte da xestión e administración desta infraestrutura a unha autoridade portuaria propia, un factor que sería “decisivo para o seu mellor aproveitamento”.

O parlamentario sinalou que Alcoa só explota o dique sur, unha concesión que termina en 2023, polo que “sería perfectamente factible liberar o dique norte e utilizalo para o tránsito comercial”. Esta acción, segundo apunta, “permitiría habilitar un porto de atracada de 240 metros de lonxitude para buques de ata 222 metros de eslora e 11,5 de calado e a utilización de 50.000 metros cadrados de chaira portuaria”.

Os nacionalistas galegos, que tamén presentarán esta iniciativa na Cámara autonómica, consideraron que, mentres que non se constitúa a Autoridade Portuaria de San Cibrao, tense que “dar as instrucións necesarias para que se proceda a unha redistribución dos ingresos obtidos do Porto de San Cibrao de forma que revertan en beneficio da costa lucense”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here