José Tomé acusa ao PP de utilizar Alcoa “de forma electoral” e para “facer a foto”

"Estou convencido que Alcoa vai continuar na Mariña, facendo aluminio e a Xunta algún día haberá que ver cal foi o seu papel nesta crise, que desde logo non foi para axudar", asegura.

A vicepresidenta da Deputación, a nacionalista Maite Ferreiro (esquerda), e o presidente e a deputada socialistas, José Tomé e Pilar García Porto. AXM

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, acusou á Xunta de Galicia de “estar sempre de perfil” respecto da situación de Alcoa na Mariña luguesa e de utilizar este conflito de “forma electoral”. En declaracións aos medios a xunta de goberno, Tomé afeou ao Goberno galego o “non” achegar “nada á solución do tema de Alcoa” nin tampouco “recursos económicos”.

Con todo, confía que este problema se acabe resolvendo “pero polo traballo do goberno de España ,que non lle permitiu á empresa saírse coas súas pretensións e que necesariamente acabará accedendo ou ben a vender á empresa compradora ou que a SEPI faga de ponte con ese ou outro comprador”.

A Xunta de Galicia só utilizou a Alcoa para facerse a foto, dicir os titulares que lle conviñan electoralmente pero nunca puxo sobre a mesa nin unha achega que servise para a solución do problema e moito menos recursos económicos cousas que si fai o goberno vasco cando hai crise nas empresas de Euskadi”, obxectou o presidente provincial.

“Un goberno autonómico, que ten diñeiro no IGAPE sen gastar ano tras ano, que non é capaz de colocalo en axudalo ás empresas, que non achegue nada, nin poña nada encima da mesa en relación a Alcoa. Iso indica que a provincia de Lugo interésalle pouco e a Mariña de Lugo interésalle pouco”, aseverou.

Estou convencido que Alcoa vai continuar na Mariña, facendo aluminio e a Xunta algún día haberá que ver cal foi o seu papel nesta crise, que desde logo non foi para axudar”, concluíu o presidente da Deputación de Lugo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here