O comité de Alcoa San Cibrao iniciará esta semana os contactos coas compañías interesadas na compra da fábrica e o mércores -día 2 de xuño- está prevista a primeira reunión co grupo británico Liberty, cuxa división de aluminio -Alvance- foi tamén a primeira empresa en mostrar publicamente o seu interese pola adquisición da factoría.
Esta semana tamén proseguen os actos reivindicativos por parte do comité de empresa e do persoal para demandar unha solución ao problema que arrastra a fábrica de aluminio primario de Alcoa desde hai un ano, cando a multinacional presentou o ERE para despedir a máis de cincocentos traballadores.
Os traballadores, informaron, asistirán este luns -ás 20:00 horas- ao pleno que se celebrará no Concello de Barreiros e mañá -martes, 1 de xuño- participarán -a partir das 20:30 horas- no de Cervo.
Neste momento están en marcha as conversacións con seis posibles compradores para a venda da fábrica de aluminio a través da SEPI, e a propia Alcoa comprometeuse a traballar directamente con eles para definir as condicións da operación, pero co compromiso de que a transacción se fará, chegado o momento, coa mediación do Goberno de España.
Fontes do comité informaron de que despois desa primeira reunión con Liberty, previsiblemente iniciaranse tamén os contactos con “algún outro” posible comprador esta semana.