O comité de Alcoa recibe unha convocatoria para unha nova reunión multilateral o vindeiro mércores

Esta é a segunda ocasión na que se impulsan as negociacións para tentar vender a planta de aluminio da Mariña a un terceiro.

Traballador de Alcoa/EP

O comité de Alcoa Cervo recibiu a convocatoria dunha nova reunión multilateral sobre a situación da planta –-cuxo propietario negocia a venda– para o vindeiro mércores, ás 12,00 horas.

Previamente, este domingo, os representantes dos traballadores chaman a participar nunha nova mobilización, neste caso en Lugo, para reivindicar unha saída ao conflito que acabe co máis dun ano de incerteza, desde que a multinacional anunciou a súa intención de executar un despedimento colectivo que despois impediu a xustiza.

Neste escenario, do que segue á espera o comité é da cita coa ministra de Industria, Reyes Maroto, quen, segundo o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, recibiraos nos próximos días.

Esta é a segunda ocasión na que se impulsan as negociacións para tentar vender a planta de aluminio da Mariña a un terceiro. A primeira, no outono pasado, terminou frustrada. Agora, a participación da SEPI ou non como mediadora na operación foi un dos puntos crave nos que estaban en desacordo a compañía e o Goberno.

Xusto esta discrepancia garda relación coa sentenza condenatoria que acaba de ditar a Audiencia Nacional sobre Alcoa tras a venda das factorías da Coruña e Avilés.

Este feito, segundo sinalou a propia empresa, condiciona a súa situación en España, ao pór en evidencia, ao seu xuízo, as dificultades de vender unha planta inviable desde o punto de vista “estrutural”. Pola súa banda, os traballadores remarcan que a fábrica de Cervo xera beneficios.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here