Así afectan á flota da Mariña as normas pouco comúns de pesca da Unión Europea

O prendemento en augas irlandesas de dous barcos con base en Burela supón un exemplo das diferenzas na aplicación dos regulamentos europeos. Existe unha normativa común mais as autoridades de cada país parecen aplicalas segundo os seus intereses internos, ou iso é o que se interpreta desde os portos da Mariña.

Valle Fraga, último barco galego prendido polas autoridades irlandesas.

O último buque prendido pola armada irlandesa, o “Valle Fraga” con base en Burela, foi retido en base a infrinxir as normativas do país. Desde a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo número 7 (OPP 7), radicada no porto burelés, ven esta acción como un exceso de autoridade sobre os barcos pesqueiros de fóra. A isto débese engadir tamén a falta de ingresos que supón a retención do barco e os gastos legais que debe afrontar a empresa armadora fronte aos tribunais irlandeses. O procedemento sancionador non é administrativo senón que vai pola vía penal na República de Irlanda.

AFECTACIÓN

Desde a Confraría de Pescadores de Burela, o seu presidente Basilio Otero, sinala que “os prendementos son un transtorno para as familias dos mariñeiros, primeiro polo familiar que está retido e logo que o barco non está pescando e así deixa de haber ingresos”. Por outra parte, ante unha acción deste tipo “é necesario saber é pertinente ou non, cousa que está en mans das autoridades”. Socialmente as opinións nestes casos están moi divididas. “Aquí é algo que non esperas, desde logo, e para a outra parte é unha acción contra piratas”.

Desde a OPP 7, o seu representante Sergio López aclara que “estamos diante dun tema que leva anos debaténdose, se hai unhas normas comúns para toda a UE, non pode ser que cada quen as aplique á súa maneira”. Os diferentes varemos de aplicación por parte de cada estado membro da Unión fai que a normativa europea de pesca quede como unha “trapallada”. “Tanto ten quen inspeccione porque logo cada país ten as súas vías de interpretación” di López quen ve ademais “un perigo porque realmente non estamos baixo as mesmas normas de xogo”.

INSPECCIÓNS

Irlanda usa a súa armada para a inspección de pesqueiros, España pode usar a armada ou á Garda Civil do Mar. En tal caso, sempre houbo queixas ante as diferentes varas de medir ante situacións como as acontecidas co “Valle Fraga” ou co “Punta Candieira” de Celeiro. “Os irlandeses controlan mediante unha “caixa azul” tanto a posición do pesqueiro en cada momento como cando están pescando e mesmo que arte usa” sinala Basilio Otero.

O control dos traballos nos barcos para o cumprimento das normativas europeas tivo o seu punto culminante cando desde Bruxelas se pedira a colocación de cámaras en barcos de pesca. Estas cámaras enviarían sinais de onde, cando e como pescarían os diferentes barcos. “Nalgúns casos os prendementos poden deberse a variacións nas rutas por culpa das correntes do mar” apunta Otero.

“O “Valle Fraga” foi sancionado polo chanzo dunha escaleira. O inspector estaba subindo ou baixando e de súpeto rompe un dos chanzos da escaleira, pois aí van 1.500€” di Sergio López. Este exceso de celo por parte das autoridades irlandesas e tan criticado como a presunta laxitude das autoridade españolas con respecto a buques doutras nacionalidades.

Os permisos para pescar en países estranxeiros son para facelo dentro das 200 millas de uso exclusivo de cada país con saída ao mar. Alén diso, o espazo das doce millas desde a costa cara o mar son consideradas augas soberanas e dentro non poden pescar barcos doutras nacionalidades. “Hai pouco desde Asturias houbo queixas de que entraran barcos foráneos con aparello peláxico (redes) dentro das doce millas, se iso fose certo, habería que telos levado a porto” di López. A polémica das artes de pesca vén desde décadas atrás, cando barcos irlandeses, británicos e franceses usaban artes peláxicas na pesca do bonito fronte ás frotas galega, vasca, cántabra e asturiana que usaban cebo ou anzó. A liorta rematou coa prohibición de redes peláxicas de deriva.

“É posible que tamén inflúa o feito de que Europa lle dixese a Irlanda que estaba sendo moi laxa coa súa vixilancia sobre a pesca” di López. “Entón é moi probable que desde esa advertencia, os irlandeses decidicen actuar” e agora con maior contundencia coa aplicación das normas relativas á pesca e ás embarcacións.

A diferenza entre lexislacións pesqueiras e o celo que algúns países poñen sobre barcos galegos ou con pabellón español por extensión, supoñen agravios para a frota e a industria pesqueira galegas. Por outra parte, tanto confrarías como OPPs insisten que o goberno central reclama responsabilidade á frota para non incumprir as normas. Mais se esas normas son comúns para todos, por que existen diferentes interpretacións segundo as augas en que se pesca? Preguntan os pescadores galegos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here