“A riada será un pau gordo, tiñamos a tenda chea e non poderemos repoñer”

O comercio de Viveiro asimila co paso dos días as consecuencias económicas da inundación

Tenda de Calzedonia, que non puido abrir este xoves. AXM

O comercio de Viveiro tenta retormar a normalidade trala riada que asulagou a cidade do Landro o pasado domingo, e que segundo o Centro Comercial Histórico viveirense (CCHV) afectou a alomenos 50 negocios.

A maioría dos comercios, mesmo os das zonas máis afectadas, como a Praza da Fontenova e a rúa Pastor Díaz, abriu este xoves para iniciar a campaña do Black Friday, aínda que algúns negocios non poideron facelo.

Tras uns días de emocións, adrenalina e tamén solidaridade, os propietarios asimilan mellor nos días seguintes as consecuencias da catástrofe, que sentirán durante un tempo.

A dona da libraría Porta da Vila, Maricarmen Lage, sinala que “vendo a desgraza que houbo en Xunqueira, o que nos pasou parece pouco, pero para nós é moito”.

A auga da riada coouse e expandiuse por todo o baixo da libraría. O negocio perdeu “moitos cartos” en material.

“Estragáronse libros, cousas. No papel acontece ademais que hoxe ves unha mancha, pero aos días daste conta de que o volume non vale para nada. Por iso tamén haberá que agardar para facer unha valoración”, sinala.

“NON SABEMOS O FUTURO DESTE PISO”

Pero, máis alá da mercancía, o principal temor da propietaria é o estado real das instalacións. Quédalle a dúbida de que a madeira poda levantarse en plena campaña de Nadal, “unha época importante para nós”.

“O carpinteiro dinos que ten grosor e que pode pasar dentro dun mes ou dous meses. Non sabemos cal vai ser o futuro deste primeiro piso, se teremos que pechar máis adiante“, explica.

A tenda de decoración Bauhaus perdeu “moitísima mercancía. Mobles, cadros, reloxos, espellos, árbores de Nadal, que non quedou ningún… Moitas cousas están insalvables. Tiñamos a tenda chea para Black Friday, a ponte e o Nadal, e moita dela non imos poder repoñela”, expón Mónica Irimia.

“NADAL É A CAMPAÑA DO ANO”

“Cada día que pasa asimilas mellor o que pasou. Vai ser un pau gordo preto da campaña de Nadal, que para nós é a época máis importante do ano“, sinala.

Por iso, a maioría dos negocios decidiu abrir, aínda que sexa con dificultades.

“O que ofertamos é o que tiñamos en reserva, temos o almacén baleiro. Fixemos horas extras para ter a tenda, aínda que non estea perfecta, alomenos co OK”, indica Irimia.

TEMOR AO RETRASO NAS COMPENSACIÓNS

Por agora, os peritos tomaron nota da altura alcanzada pola auga, pero tardarán algo máis en valorar a mercancía. A Irimia tamén lle preocupa, de recibir compensacións, que haxa retrasos importantes á hora de cobralas.

Na tenda Jonathan’s, a perda de xénero foi asumible, pois “as prendas están moi altas” e aínda non recibiran a roupa preparada para a campaña de Nadal. “Normalmente non encargamos nada novo para o Black Friday, aplicamos descontos ao que temos”, explica Adela Mariño.

“AS FÁBRICAS ESTÁN EN VERÁN”

Mariño ponse na pel dos negocios que encargaran a mercancía para estas datas. “É moi difícil repoñer, porque para moitas fábricas esta é época de verán, de menor intensidade no traballo”, indica.

A preocupación fíxase nas instalacións. “Temos algúns zócalos rebentados e a ver como responde o solo, se se levantará, e os mobles, se abrirán”, expón.

SOLIDARIDADE

O agradecemento é unánime entre os comerciantes e de cara aos veciños. “A min emocionoume. Había xente que non tiña relación directa co comercio e entraba coa vasoira, sen preguntar. Houbo unión, colaboramos todos”, indica Lage.

Irimia subliña que Comisións Obreiras (CC OO) prestou instalacións no seu edificio para almacenar mercancía deteriorada.

Como din Irimia e Lage, a mellor maneira de continuar é non pensar en exceso nas consecuencias. “Non podemos permitirnos ser negativos, hai que tirar para diante como se poida”, conclúen.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here