Reaccións ao peche de Vestas: o Goberno lamenta o peche de Vestas e anuncia que traballará coa Xunta para unha solución

O sindicato UGT anuncia que estará "xunto ao comité" solicitando apoio aos gobernos estatal e autonómico para esixir o reforzo industrial da zona.


O Goberno central, a través dun tweet do Ministerio de Industria lamenta a decisión de Vestas de pechar a planta de Viveiro. O departamento de Reyes Maroto sinala que traballará conxuntamente co Xunta para buscar solucións “a unha comarca moi castigada”.

 

Screenshot_20210920-184737_Twitter.jpg

 

COMITÉ DE EMPRESA

UGT, con maioría no comité de empresa de Vestas Viveiro, expresou o seu “rexeitamento frontal” ao peche da fábrica da Mariña de Lugo que anunciou este luns a compañía.

En declaracións a Europa Press, o secretario xeral da federación de industria, construción e agro de UGT Galicia, Javier Carreiro, trasladou a preocupación das 115 familias que se verían afectadas o expediente de regulación de emprego extintivo, cuxa primeira reunión se prevé para o vindeiro martes 28. “Non entendemos os motivos deste anuncio, nun momento no que se anuncia a instalación de novos parques eólicos”, advirte o sindicalista.

A este respecto, equipara co sucedido con Siemens Gamesa nas Somozas (A Coruña) a medida que comunicou nesta xornada a empresa –que ademais da Viveiro inclúe a outras dúas plantas, en Alemaña e en Dinamarca–.

Carreiro fala de “deslocalización” da produción noutros lugares como China e Portugal e avanza que UGT estará “xunto ao comité” solicitando apoio aos gobernos estatal e autonómico para esixir o reforzo industrial da zona.

Responsables de UGT manterán unha reunión con membros do comité de Vestas Viveiro na tarde deste luns, cando está previsto que os representantes dos traballadores reciban a documentación da firma.

O ANUNCIO

Vestas prevé cesar a produción nas súas fábricas de Lauchhammer (Alemaña), Viveiro  e Esbjerg (Dinamarca) no marco dun axuste no seu negocio, segundo anunciou este luns a compañía.

A fábrica de Vestas en Viveiro emprega a unhas 115 persoas que fabrican xeradores para a plataforma terrestre de 2 MW, así como paneis de control da turbina mariña V164 para mercados situados fóra de España.

“Debido tanto á diminución da demanda da plataforma de 2 MW como á necesidade de optimizar a fabricación de compoñentes para eólica mariña, xa non é sustentable continuar coa produción en Viveiro”, indica a empresa.

Conforme aos plans actuais, Vestas prevé cesar a produción nesta planta a finais de 2021 e ofrecerá recolocacións aos operarios que actualmente traballan en Viveiro noutros centros de Vestas no país.

Para amortecer os efectos, asegura que traballará “man a man co goberno rexional e nacional, así como os axentes sociais”. “España segue sendo un mercado clave para Vestas, con máis de 4,8 GW de turbinas instaladas, 6 GW en mantemento e máis de 2.200 empregados a data de agosto de 2021, incluíndo a fábrica de pas en Daimiel, as operacións de mantemento e a sede da rexión mediterránea de Vestas en Madrid”, subliña.

PSdeG VE UNHA DECISIÓN “INXUSTA”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, trasladou o seu compromiso cos 115 traballadores afectados o peche de Vestas en Viveiro, á vez que reprocha á Xunta que non “se coñeza implicación” pola súa banda. “A Xunta ten as competencias en política industrial, pero a súa única política é a inacción”, critica o líder dos socialistas galegos a través dunha nota de prensa.

Subliñando que máis dun centenar de empregados esperan “algún tipo de solución” por parte do Executivo autonómico, remarca que “fai falta un Goberno galego que asuma as súas competencias e que aposte polo futuro de Galicia”.

Segundo censura, a Xunta non toma “medidas para articular alternativas ao peche dunha planta que leva máis de 20 anos” na Mariña de Lugo, comarca para a que esixe un plan “que aposte por novos proxectos industriais para xerar emprego”.

Pola súa banda, a secretaria provincial do PSdeG en Lugo, Patricia Otero, manifestou o rexeitamento do seu partido ao peche da fábrica de Vestas en Viveiro, á vez que pide á Xunta que busque “alternativas”. O anuncio da compañía, segundo a socialista, supón unha decisión “inxusta” para os traballadores e as súas familias, “e un novo golpe para a comarca da Mariña”.

O CONCELLO DE VIVEIRO LAMENTA O “INESPERADO ANUNCIO” DE PECHE DE VESTAS

O Concello de Viveiro coñeceu hoxe a intención da empresa Vestas de pechar a súa fábrica na localidade, unha decisión que suporía que 115 persoas perdan o seu traballo. A alcaldesa de Viveiro declarou que é “unha decisión inesperada, hoxe mesmo me puxen en contacto coa presidenta do comité de empresa para manter unha reunión cos representantes dos traballadores e coñecer os detalles do expediente de regulación de emprego extintivo anunciado pola compañía”.

Loureiro demanda “a todas ás administracións que reaccionen e convoquen de inmediato á dirección da empresa para intentar un cambio de postura”. “O desmantelamento industrial da comarca non para, a Alcoa únese agora este anuncio, Viveiro e A Mariña necesitan unha reindustrialización”, engade.

O concello amosa o seu total apoio aos traballadores e secundará todas as medidas que tomen nos próximos días, lembrando que “a fábrica de Vestas en Viveiro ten unhas instalacións modernas, polo que debemos atopar alternativas de actividade e emprego”.

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here