A patronal eólica sinala á inseguridade xurídica sobre as eléctricas como unha das causas do peche de Vestas

A EGA (Asociación Eólica Galega) incide que o peche de Vestas é "unha pésima noticia para a comarca e para o propio sector". "Pero a explicación é sinxela: se non hai MW en desenvolvemento, non hai fábricas", asevera.

Fábrica de Vestas en Chavín. GOOGLE MAPS

A Asociación Eólica de Galicia (EGA) achaca á inseguridade xurídica “a caída” de centros como o de Vestas en Viveiro, cuxo peche, anunciado para finais de ano, tacha de “pésima noticia” para a comarca e para o sector.

Nun comunicado, a patronal eólica galega lamenta que España “acaba de penalizar os rendementos das empresas eléctricas como consecuencia da subida do prezo da luz; cando a razón está no gas e o petróleo –combustibles fósiles–, cuxos prezos se dispararon por diversas razóns xeoestratégicas”.

“Esta inseguridade xurídica provoca a fuxida de novos investimentos, cando non a caída de centros empresariais, como a fábrica de Vestas en Viveiro, que leva vinte e dous anos fornecendo xeradores e cadros eléctricos aos parques eólicos”, afirma.

O seu anunciado peche é, incide, “unha pésima noticia para a comarca e para o propio sector”. “Pero a explicación é sinxela: se non hai MW en desenvolvemento, non hai fábricas”, asevera.

En Galicia, apunta que se instalaron 700 MW eólicos no últimos once anos, uns 400 en 2019 tras o parón e uns 100 na pandemia; e na actualidade “non se está construíndo ningún parque eólico”.

EGA, segundo lembra, “viña reivindicando desde fai un par de anos a instalación de 400-500 MW anuais para poder manter o ritmo de investimentos e emprego, principalmente na industria auxiliar, algo que non se está cumprindo”.

Nos últimos dous anos, segundo os seus datos, a Xunta publicou 41 parques que suman 1.163 MW e o ministerio 33 que suman 2.700 MW. A maioría dos parques do ministerio foron informados negativamente pola Xunta por estar fóra das áreas de desenvolvemento eólico, constata.

Pola súa banda, a Xunta aprobou no mesmo período dos dous últimos anos 10 declaracións ambientais, que afectan a 200 MW, e 12 autorizacións administrativas, que afectan a 250 MW. “Son cantidades claramente insuficientes, e aínda así algúns manteñen unha oposición sistemática á enerxía eólica“, lamenta.

Por outra banda, sinala que fronte a “as voces que falan de que Galicia exporta enerxía, a realidade di que entre o 70 e o 80 por cento da enerxía primaria que se consome en Galicia habitualmente procede de combustibles fósiles importados”. “Así que estamos obrigados a chegar a un acordo político e social a favor da enerxía eólica, verde e sustentable, no canto de demonizala”, conclúe

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here