A Mariña en Ruta segue adiante con rutas de outono para dinamizar a comarca


A principios deste mes de outubro chegaba unha nova edición de A Mariña en Ruta, que organiza a Mancomunidade de Concellos para axudar á dinamización da comarca no outono. O obxectivo pasa por atraer escapadas de fin de semana para os galegos e as galegas e para as comunidades autónomas máis próximas, así como dar a coñecer o territorio dun xeito ameno e diferente á propia poboación local.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembraba na presentación do programa que tivo lugar o 27 de setembro no Cenima que “o proxecto A Mariña en Ruta, promovido pola Mancomunidade de Concellos, co apoio da Xunta de Galicia para a súa coordinación e execución e da Deputación de Lugo para a promoción en medios, consiste nun programa de rutas e actividades en torno á cultura e á natureza que durante esta edición dotará á Mariña Lucense dunha oferta turística complementaria suxerinte e ao aire libre”.

Tamén explicaba que “o obxectivo do programa é axudar na dinamización da comarca durante o outono e provocar, ademais de que a propia poboación local poda descubrir mais aspectos sobre a súa comarca, escapadas de turismo interno de Galicia e das comunidades autónomas próximas axudando na reactivación do turismo fóra de tempada nesta época marcada pola COVID19”.

Esta edición, coa colaboración da empresa de turismo activo Volta Montana para a súa coordinación e execución, ven supoñer a valorización do entorno natural, a historia, a etnografía e a arqueoloxía da Mariña Lucense a través de 10 roteiros que se están a realizar durante os meses de outubro, novembro e principios de decembro nos concellos de Trabada, Burela, A Pontenova, Riotorto, Barreiros, Lourenzá, Viveiro, O Vicedo, Xove, Mondoñedo e Alfoz.

RUTAS DE NOVEMBRO

As rutas abarcan dende as paraxes naturais de Santo Estevo do Ermo en Barreiros ou o Camiño de Santiago do Norte dende Lourenzá ata a esencia do Viveiro industrial, o xacemento arqueolóxico de San Tirso de Portocelo en Xove ou unha camiñata entre volcáns no Vicedo. Trátase dunha oportunidade fantástica de coñecer A Mariña Lucense dunha forma auténtica:

Santo Estevo do Ermo, paraxe natural, Barreiros. Con Sofía López, guía oficial de Galicia. Sábado 6 de novembro.

O Camiño de Santiago do Norte na Mariña Lucense. Con Claudia del Pino, guía oficial de Galicia. Sábado 13 de novembro.

Viveiro industrial e as lendas. Con Noela Feal, guía oficial de Galicia. Sábado 20 de novembro.

Camiñata polo paisaxe cultural de Portocelo, Xove. Con David Fernández, arqueólogo. Sábado 27 de novembro.

Camiñando entre volcáns, O Vicedo. Con Fran Canosa, geólogo. Sábado 4 de decembro.

Cajoto subliñou que “dende este venres xa é posible facer a reserva para os diferentes percorridos de novembro e do 4 de decembro que levan aos participantes a coñecer dun xeito moi interesante os tesouros da Mariña Lucense, da man de profesionais expertos no territorio e de diferentes disciplinas coma: Pedro Rolle, Guido Álvarez, Boris Vilar, Lidia de la Fuente, Sofía López, Claudia del Pino, Noela Feal, David Fernández ou Fran Canosa. Polo que animo a todo o mundo a inscribirse e desfrutar destas actividades, tanto das que quedan para este mes de outubro en Burela, A Pontenova e Riotorto como as 5 rutas seguintes por Barreiros, Lourenzá, Viveiro, Xove ou O Vicedo“

As rutas están tendo lugar os sábados de outubro, novembro e o 4 decembro, agás a primeira, que tivo lugar o domingo 3 de outubro. Teñen unha duración de 2 a 3 horas e poden participar en cada unha un máximo de 25 persoas mais a/o guía. O prezo é de 5 euros (individual), 8 euros (parella) e 12 euros (familiar ou grupo de ata 5 membros).

As persoas interesadas en gozar de A Mariña en Ruta poden atopar información e facer a reserva de prazas en https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta e para calquera consulta poden contactar a través da seguinte dirección de correo electrónico: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono +34 690 61 47 49.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here