O ERE de Alcoa queda pendente do Tribunal Supremo

O TSXG declarouno nulo, pero a empresa recorreu.

Traballadores de Alcoa San Cibrao/EP

Os maxistrados da sala do social do Tribunal Supremo debaten este mércores sobre o recurso que interpuxo Alcoa contra a anulación do expediente de regulación de emprego (ERE) para máis de 500 traballadores que pretendía aplicar na fábrica de Cervo. A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou nulo o ERE de Alcoa ao apreciar “mala fe” nas negociacións por parte da empresa, cuxo “fin único e primordial” era “apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendible posible”.

Pola súa banda, Alcoa afirma que actuou “de boa fe” durante o período de consultas cos representantes dos traballadores, “de maneira xusta e conforme cos requisitos legais” e apela aos “permanentes problemas estruturais que fan que a planta de aluminio de San Cibrao non sexa competitiva”.

Neste contexto, os traballadores regresaron á folga indefinida para denunciar o bloqueo das negociacións entre a multinacional, o Goberno central e un eventual comprador. Este venres, a firma estadounidense asegurou que mantén o seu compromiso para traspasar a factoría a un terceiro, pero fixa como condición que o Executivo estableza un marco enerxético competitivo.

Durante os meses nos que se prolongaron as conversacións entre as partes, o comité (e tamén a empresa) esixiu que a SEPI (sociedade estatal de participacións industriais) ou outro mecanismo equivalente exercesen como mediador, para evitar casuísticas como a que se deu nas plantas da Coruña e Avilés.

Alcoa vendeu as súas fábricas da Coruña e Avilés ao fondo Parter, que á súa vez as transferiu a Grupo Risco. Agora mesmo, ambas están administradas xudicialmente e a Audiencia Nacional investiga se houbo despatrimonialización nestas operacións. De feito, este xoves ordenou aos imputados no caso a devolver 13 millóns de euros ás dúas plantas.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here