Alcoa e comité de empresa retomaron as negociacións este xoves

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, pediu ao persoal, pola súa banda, que "manteña a calma", pois "hai que aguantar" e "as negociacións non son de hoxe para mañá".


A dirección de Alcoa e o comité de empresa retomaron este xoves as negociacións sobre o futuro da planta de Cervo, por mor da proposta que lanzou a compañía, e aínda coas posturas entre ambas as partes “moi lonxe” e “moi distantes”.

Diso informou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, quen pediu ao persoal, pola súa banda, que “manteña a calma”, pois “hai que aguantar” e “as negociacións non son de hoxe para mañá”.

“Hoxe avanzouse un pouco en investimentos pero estamos a anos luz porque hai investimentos moi importantes que non se están tratando”, advertiu Zan.

O vindeiro luns os representantes dos traballadores acudirán a Santiago para celebrar unha reunión e despois prevén convocar unha asemblea extraordinaria “para falar sobre todo de que se abriron á negociación do convenio que leva desde 2020 conxelado”.

A EMPRESA

Pola súa banda, fontes da empresa sinalaron a Europa Press que, tras a reunión cos representantes dos traballadores, á que tamén asistiron representantes do Goberno central e de Xunta de Galicia, reitera “unha vez máis a súa vontade de avanzar na posible solución” que expuxo ao comité “para recuperar a viabilidade da planta de aluminio de San Cibrao e o mantemento do emprego”.

No encontro, a empresa asegura demostrar “estar aberta a escoitar as propostas dos representantes dos traballadores” e, nese sentido, confirmou a súa “disposición a garantir investimentos no forno de cocción de ánodos e na subestación principal, ademais do compromiso do custo para o rearranque do 100% da produción de aluminio primario a partir do 2024”.

Tamén trasladou a súa intención de iniciar a negociación do novo convenio colectivo, ratifica. “Todo iso a condición de que se proceda de forma urxente a un cesamento temporal da electrólise e da planta de ánodos”, precisa.

As partes acordaron, segundo Alcoa, continuar coas conversacións o luns e a multinacional mantén o seu obxectivo de “lograr urxentemente un acordo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here