O comité de empresa reclama máis investimentos e Alcoa pide cesamento temporal de electrolise

Alcoa mantense na súa postura do luns de realizar diversos compromisos "a condición de que se proceda de forma urxente a un cesamento temporal da electrólise e da planta de ánodos".


O comité de Alcoa en San Cibrao e representantes da compañía reuníronse en Santiago por segunda xornada consecutiva para abordar o futuro da fábrica. Aínda que houbo aproximacións sobre as garantías na contratación de auxiliares da Mariña o próximos tres anos, os traballadores demandan diferentes cuestións como maiores investimentos.

De tal forma, o encontro proseguirá este mércores, 22 de decembro, de novo desde as 10,00 horas en Santiago, nunha cita á que tamén asisten representantes das administracións estatal e galega.

En declaracións este martes tras unha nova xornada maratoniana de reunión, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explica que se pide que todos os empregados temporais que traballaron este ano na factoría pasen a formar parte do persoal.

Sobre a reclamación dos traballadores de que non se apliquen ERE ou ERTE a compañías contratistas de Alcoa, a empresa trasladoulles que non pode validar esta cuestión, dado que “sería imporse a un terceiro”, pero hai un “acordo” polo que se garante “prioridade absoluta” para empresas de subministracións e transporte da comarca.

Pola súa banda, a Xunta está disposta a “axilizar” os PPA (contrato de compravenda de enerxía a longo prazo) de menos de 50 megawatts. Do Goberno central demándase que se encargue dos PPA de máis de 50 megawatts, así como que garanta un aval que faga a operación faga “máis segura e factible”, o cal “están a mirar coa Avogacía do Estado”. Así mesmo, José Antonio Zan resalta que se piden máis investimentos que deben pasar por cuestións como un sistema de auga de fundición.

Alcoa mantense na súa postura do luns de realizar diversos compromisos “a condición de que se proceda de forma urxente a un cesamento temporal da electrólise e da planta de ánodos”. Está disposta a estender por un período de tres anos coas empresas auxiliares os contratos actuais directamente afectados pola hibernación das cubas en 2022 e 2023.

Entre outras cuestións, a multinacional estadounidense mostra a súa intención de efectuar investimentos no forno de cocción de ánodos e na subestación principal, ademais do compromiso do custo para iniciar o rearranque do 100% da produción de aluminio primario a partir do 1 de xaneiro de 2024.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here