Fran Cajoto: “Os traballadores directamente defenderon os seus postos e indirectamente defenderon o futuro da comarca”

Fran Cajoto, alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, defende a decisión dos traballadores de Alcoa "por ser democrática" e pide ás administracións comezar a traballar con datas e obxectivos concretos. Ve unha falta de cortesía ou de lealdade as declaracións do vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, cando cualificou de "saída en falso" o referendo. Cajoto reclama seriedade nas negociacións de cara o futuro da factoría de Alcoa e que dunha vez, todas as administración acheguen as forzas necesarias.

Fran Cajoto. AXM

-No seu artigo consideraba a opción elixida polos traballadores como a mellor no escenario actual.

O primeiro, foi unha opción elixida polos traballadores e traballadoras mediante voto en urna, unha decisión individual e eles escolleron por maioría unha entre todas as que lles ofreceron, por tanto é un resultado democrático. En segundo lugar, nunha situación enerxética como a actual sobre todo os prezos, o ideal sería ter un acordo cunha empresa subministradora e aí, para min, Alcoa xogou de maneira interesada cos tempos e co sentir dos traballadores, poñendo sobre a mesa unhas condicións para a venda e despois quedou ás claras a falta de intención para vender senón aforrar custes. Logo a presión das familias, dos traballadores, as resolucións xudiciais e a presión política obriga a Alcoa a pactar unha solución para evitar perdas maiores. Esa solución, da que só temos como garantía un aval, é pola que debemos pelexar dentro do actual contexto. Así pois, dentro deste contexto é mellor unha solución que non ter ningunha.

-Traballadores de maneira individual e logo desde o comité de empresa, denunciaron a falta de investimento en renovación tecnolóxica. Que agora diga Alcoa que todo este proceso e a solución actual é por renovarse tecnoloxicamente, cando menos é “chocante”?

Si, é chocante, por iso falamos da mala praxe de Alcoa. Que temos agora mesmo para agarrarnos? Pois temos unha presión institucional sobre a factoría con toda a atención sobre ela, houbo que dispor dun aval económico senón perde Alcoa. Hai un escenario novo onde se debe traballar tendo a maior das cautelas e, aínda non estando seguros de que isto saia en termos aceptables, polo menos podemos traballar nunha dirección. O certo é que se tampouco temos certo compromiso de venda ou de traballo desde a mesma empresa, sería inviable. Por outra parte, desde o minuto un en que comecen as reunións de seguemento mensuais deben poñerse prazos e fitos para empresa e administracións. Se é certo que a solución pasa polo preacordo ou acordo coa subministradora eólica, deberanse marcar os pasos para levar adiante a montaxe dos parques, sen prexuízo dos veciños, mais que se fagan de maneira rápida e áxil todos os trámites para termos enerxía a un prezo viable para a produción. Desta maneira, na primeira reunión da comisión debe falarse da balsa de lodos, porque temos moi poucos anos de vida para a balsa actual e a previsión é poñer en marcha de novo a fábrica durante 20 anos. Por tanto, non darlle a Alcoa a excusa de falta de espazo para colocar lodos e querer pechar. Por iso, a Xunta con competencias en medioambiente debe buscar unha solución. Por tanto, temos deberes para Alcoa e tamén para a Xunta e o Goberno central marcando puntos, pois a construción dun parque eólico leva tempo, como a balsa de lodos e a modernización da factoría.

Alcoa xogou de maneira interesada cos tempos e co sentir dos traballadores, poñendo sobre a mesa unhas condicións para a venda e despois quedou ás claras a falta de intención para vender

-A primeira comisión xa se reunión en Santiago o día 30 de decembro, coa asistencia da ministra Maroto. Desde a mancomunidade, cal é a lectura da actitude do Goberno central así como das mobilizacións de traballadores arriscando días de traballo que ao mellor non lles conta a fin de mes?

Sobre os traballadores valorar toda a súa implicación na defensa dos seus postos nunha empresa que é case a metade da economía da Mariña. Os traballadores directamente defenderon os seus postos e indirectamente defenderon o futuro da comarca. Tamén tomaron decisións difíciles e agora mesmo non se entende, pois temos un gran ruído arredor do referendo e por iso debemos esperar. Tomando decisións podemos errar ou podemos acertar, desde logo quen non se equivoca é quen non toma decisións. Por tanto, hai que presionar para sacar todo isto adiante pois se baixamos os brazos a solución non vai para adiante, aí temos que estar todos. Desde logo, do Goberno central e da Xunta espero unha maior implicación. Cando se falou dunha intervención a través da SEPI creo que se precipitou pois logo se viu a súa inviabilidade. Necesitamos certezas porque dentro desta solución presentada por Alcoa hai moitos elementos competencia do Estado e outros competencia da Xunta, por tanto, cada unha das administracións debe traballar cos seus prazos e Alcoa debe poñer da súa parte para cumprir este acordo.

-Por que considera precipitado aquel anuncio de intervención por parte da SEPI?

Paréceme precipitado se non se materializa o anuncio. Non sei se foi pola vontade de facer e logo houbo algún atranco, mais ao non facerse efectivo, foi un impedimento nesa liña. Do que si son consciente por conversas coa ministra e outros representantes, é a preocupación sobre Alcoa, iso demóstrase na reunión da primeira comisión de seguemento. Todos podemos cometer erros e por iso se non se fixo efectivo, por iso me pareceu precipitado o anuncio.

Se é certo que a solución pasa polo preacordo ou acordo coa subministradora eólica, deberanse marcar os pasos para levar adiante a montaxe dos parques, sen prexuízo dos veciños

-Cre que houbo deslealdade por parte dalgunha das administracións públicas?

A min o que non me pareceu correcto foi facer un anuncio o mesmo día da votación con declaracións da Xunta, e si creo en maneiras de traballar moito máis leais, por todas as partes. Sobre todo tendo en conta a cantidade de administracións implicadas e sen lealdade isto non irá para adiante. Por iso sempre falo de metas e puntos marcando datas de cumprimento e que dean os pasos. Se nas comisións de seguemento só facemos declaracións políticas non gañamos nada. Iso xa é cuestión de garantir a viabilidade da factoría e para iso temos uns tempos de relación, hai uns tempos administrativos e tempos de construír alternativas. É unha cuestión técnica.

-Sobre a mesa está a creación de parques eólicos para alimentar Alcoa, hai colectivos contrarios aos megaparques e que se poden facer doutra maneira. Considera que é a mellor solución para baixar custes de produción e logo, a poboación da Mariña comprendería a realización dun megaparque para alimentar esta fábrica?

Estamos falando dunha cuestión técnica fóra de cuestións ideolóxicas. Falamos dunha solución sen prexuízos. É un parque eólico, é vento, é enerxía limpa e non ten que ser un problema, máis aínda sendo unha enerxía en contraposición con outras como a térmica. Falamos ademais de cambio climático e temos que ser conscientes deste último punto. Falamos por tanto de ser compatibles coa contorna e falamos de alegacións porque hai aeroxeradores de dimensións máis que considerables, 150 metros de altura perto de vivendas. Mais o territorio é amplo e se falamos de condicións que non prexudiquen aos veciños e veciñas, e eliminar o que non é compatible co territorio dos plans eólicos. Cando falamos de alegacións falamos de axustar a normativa á realidade, isto implica poñerse a traballar poñendo datas e puntos. Por tanto, calquera cambio de normativa, redeseño de parque eólico, calquera solución ten que facerse compatible co entorno e facelo viable sen prexuizo dos veciños e veciñas.

Se nas comisións de seguemento só facemos declaracións políticas non gañamos nada

-Cre que Xunta e Goberno central tomarán nota para futuras continxencias como esta?

Creo que si, pois todo son experiencias. O certo é que nun contexto mundial iso pasa de concentración empresarial e falta de competitividade, estamos nun libre mercado que non é real. Cando as forzas da dereita falan de liberalismo é mentira, pois case todo está concentrado. E outra cousa que debemos ter en conta, sobre todo despois da pandemia, é perder a capacidade de fabricar materias esenciais como aluminio. Debemos ter unha capacidade de produción mínima e estable en cada país dentro da UE e en cada contexto onde nos movemos e considero que cada vez somos máis conscientes diso.

-Non resulta contraditorio que os poderes públicos se sometan a unha multinacional, aínda que o poder soberano está na xente?

Para iso temos a lei, as lexislacións, e debemos lexislar ben. Cando falamos de industria primaria debemos marcar legalmente cal é a primaria para que se fabrique no país e mantela. Non todo é o mesmo, as solucións non son doadas dentro do mundo en que vivimos. Non é tan simple, mais podes dar os pasos para facelo. Creo que hoxe en día esa conciencia de fabricar barato e depender de Oriente a medio e longo prazo trouxo uns problemas enormes aos paises do primeiro mundo. As institucións de arbitraxe internacional deben funcionar mellor.

calquera cambio de normativa, redeseño de parque eólico, calquera solución ten que facerse compatible co entorno e facelo viable sen prexuizo dos veciños e veciñas

-Aínda que até aquí se achegaron as ministras de Transición Ecolóxica e Industria, vostede non botou de menos a presenza de Pedro Sánchez na Mariña?

Todo é escalable e a min si me gustaría que estivese aquí. Mais como alcalde podo dicir que eu debo estar en todas partes no concello. Mais despois de termos a presenza de dúas ministras aquí, non sabería responder se a presenza de Sánchez podería ter revertido a situación. A representación institucional foi importante e o xesto de achegarse até aquí do presidente do Goberno non sei se sería unha solución, si sería un grande xesto. A solución parte dunha solución técnica. As ordes están dadas e a vontade das institucións está marcada e a solución é cumprir o acordo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here