Os traballadores de Alcoa: “É moi bo o acordo entre Alcoa e Endesa”

"O importante é que Alcoa vai arrincar si ou si o 1 de xaneiro de 2024", di o presidente do comité.

O presidente do comité, José Antonio Zan, fala aos obreiros na asemblea celebrada o pasado venres. JUAN MAYA

O presidente do comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, valorou como “moi bo” o preacordo subscrito con Endesa para fornecer enerxía totalmente renovable durante dez anos na planta mariñá. Zan asegurou que “é un acordo moi bo porque a entrega é en base”. “É algo fundamental para nós, xa que asumimos 410 megawatts a todas as horas e todos os días”, apuntou.

“Isto quere dicir que os eólicos poden producir a unhas horas máis que a outras, así nos aseguramos potencia, sirvan os eólicos a enerxía que sirvan”, explicou.

E é que o preacordo ofrece unha tarifa estable e a subministración comezará en 2024, ano no que Alcoa reiniciará a súa produción e arrincará as cubas de electrolise logo de dous anos paradas.

José Antonio Zan non quixo pasar por alto que “o importante é que Alcoa vai arrincar si ou si o 1 de xaneiro de 2024”, enxalzando que si finalmente este acordo con Endesa se estende a dez anos “isto daríanos unha tranquilidade máis grande para o persoal e para a comarca, que é polo que levamos loitando os últimos dous anos”.

MESA DE SEGUIMENTO

O sindicalista de Comisións Obreiras tamén avanza que se convocou a mesa de seguimento –onde participan Goberno Central e Xunta– para o 1 de marzo. “Pospúxose por temas organizativos do Goberno, pero xa temos data e queremos ver os avances que están a ter, sobre todo, Alcoa, cos marcos enerxéticos e os parques (eólicos) que se van licitar”, sinalou.

En definitiva, nesa reunión queren ver “como avanzan o Ministerio de Transición Ecolóxica e a Xunta, con eses parques ou o estudo de licitación deses parques”.  Sobre o acordo con Endesa, José Antonio Zan, concretou que a firma se materializará o 31 de marzo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here