InicioEconomíaMaría José Novoa, CCOO: "Hai mulleres do sector de atención ao fogar...

María José Novoa, CCOO: “Hai mulleres do sector de atención ao fogar que abandonan o traballo porque ou pagan por adiantado o combustible ou non comen”

María José Novoa é a voceira de CCOO-A Mariña ve posibilidades para toda a comarca de cara a ofertar máis e mellores postos de traballo, mais isto non sucede. Por que? Novoa considera imperiosa a mellora en infraestruturas ide comunicación. Por outra parte, o labor da Inspección de Traballo debera estar máis presente para evitar tanto fraudes como sinistros laborais. Sobre a situación en Alcoa non dubida en que a empresa "está a cumprir cos acordos" e que volverá á actividade.

Publicada o

- Advertisement -

 

-Como avaliades os efectos da folga do transporte na comarca da Mariña?

Está afectando moi forte, só hai que oír as declaracións do persoal das lonxas, de ABSA e Porto de Celeiro e tamén só hai que ir aos supermercados para ver como están desabastecidos, como no resto do Estado.

-A suba do SMI estase deixando sentir en todos os sectores laborais da comarca?

Si sentimos a suba salarial en todos os sectores. Ten en conta que había moito traballo, sobre todo feminino, cuxos emolumentos non chegaban ao SMI actual. Falamos de xente que traballaba en atención ao fogar, persoas ligadas a empresas multiservizos ou a hostalaría tampouco estaba chegando a ese SMI. Nós temos recibido comentarios que a suba a 1.000€ si o están sentindo moito no peto a fin de mes. Oxalá puidese ser máis elevado mais é un camiño por percorrer e esperamos que non haxa máis atrancos a todo o que se pretende desenvolver.

-Apuntabas ao traballo feminizado con salarios ínfimos. A pesar da suba salarial, segue habendo diferenzas importantes entre salarios de postos feminizados e masculinizados?

A resposta é si, nuns sectores máis que noutros. Asinouse o convenio estatal de conservas e nel hai unha fenda salarial dun 20% entre o grupo 5 e 6. Ese foi o motivo polo que CCOO non asinou. En Galicia, de media, hai unha diferenza media de 5.000€ anuais entre salarios de homes e mulleres. Case un millón das antigas pesetas, é moito diñeiro. CCOO está volcada nos plans de igualdade para rematar coa fenda salarial, queremos que se lle dea o mesmo salario a traballos do mesmo valor.

-Tedes medos que coa suba do SMI haxa empresarios desaprensivos que queiran pagar en negro?

Iso é algo moi habitual neste país e ademais, ese temor témolo todos en xeral. Que esta situación pode incrementarse? Aí Inspección deber realizar un traballo para ver como se paga e se factura.

-Inspección de Traballo pola súa parte alega a falta de persoal suficiente para levar adiante o seu labor.

Inspección ten que desprazarse para aquí, así pois, ademais da falta de persoal tamén está a falta de medios para desprazarse. Evidentemente poderán traballar en mellores condicións por exemplo en Lugo que movéndose para acó. Iso deberá solucionalo o Goberno que asinou a reforma laboral, son medios que deberán poñer. Se queremos que todo isto saia para adiante, todos deberemos poñer da nosa parte. Nós, os sindicatos a nosa parte, mais Xunta e Goberno deberán poñer a súa, sobre todo o Goberno.

CCOO está volcada nos plans de igualdade para rematar coa fenda salarial, queremos que se lle dea o mesmo salario a traballos do mesmo valor.

-Hai dous grandes sectores como o agrario e o da pesca. Vedes que estes dous terreos cumpren coas medidas salariais e tamén coas medidas de seguridade laboral necesarias?

Coa cobertura salarial, deber, deberían. Os datos que temos é que cando algún afiliado ou traballador se achega por aquí e nos di os problemas que teñen ou non, sobre todo no mar, a xente vai enrolada. Dentro da agricultura é outra cuestión. No mar se non enrolas un mariñeiro con contrato tes un problema moi grave. O factor seguridade, sobre todo no mar, puidemos ver o que pasou co “Villa de Pitanxo”. No mar, cando fallan as medidas de seguridade suceden sinistros como este. É necesario concienciarse de que son vidas humanas e extremar todas as medidas posibles. Este é o meu punto de vista, pois logo cada quen fai aquilo que lle mandan e agárrase ao que pode pois non ten outra cousa.

-Considerades o paro das cubas de Alcoa por dous anos como unha estratexia para ir recortando postos?

Cando se puxeron en marcha os ERTES pola pandemia, moitas voces falaban desa posiblidade de eliminación de postos de traballo mais logo vimos como a xente se reincorporaba. Todos temos o temor a unha espectativa de incerteza, mais tamén vemos como até o de agora Alcoa cumpriu o que dixo. O acordo segue a cumprirse e de momento non temos sinais de que se rompa ese acordo.

-Fálase de formación para o mercado laboral. Aínda así, credes que hai un exceso de formación que logo o mercado laboral da comarca non é capaz de absorber?

A formación debe ampliarse e isto non significa ampliar formación sempre do mesmo sector. Hoxe hai demanda de carpinteiros, fontaneiros ou soldadores, e se vas á formación que se dá a través da Xunta ou Oficinas de Emprego, esa formación non se dá. Igual habería que darlle unha volta para saber cales son as demandas e as necesidades dunha comarca, non falo só da Mariña. Por tanto, axeitar a formación ás demandas de cada comarca.

Todos temos o temor a unha espectativa de incerteza, mais tamén vemos como até o de agora Alcoa cumpriu o que dixo.

-Vedes necesaria a ampliación de sectores laborais na Mariña e cales serían aqueles que poderían funcionar mellor?

Abrir abano, desde logo. Sectores? Todos os que poidamos imaxinar. Con todo, volvo ao 17M, cales son os problemas da Mariña? As infraestructuras, porque son atrancos para a instalación de empresas aquí. Un exemplo, Ribadeo ten a autovía preto da vila, isto fai que este concello acolla moitas empresas de servizos. Isto débese á facilidade que dan os seus accesos. Até hai pouco falaban de Altri, pois desde hai un tempo non volvemos saber nada. Cando funcionaba Vestas en Viveiro, houbo empregados que falaban de problemas loxísticos para a entrada e saída de camións. Logo o tren, o FEVE, temos o que temos e logo o que lle levamos reclamando á área portuaria, outro tanto. Aquí poderíamos ter calquera outra industria se tivesemos as infraestructuras. Por iso falamos de ter unha zona ben comunicada para instalar empresas. Cando se teña solucionado iso, sería unha zona atractiva porque realmente hai chan para instalar industria. Debemos axudar a que isto sexa factible e que entrar ou saír mercadorías non suba o prezo do produto. Tamén me preocupa a suba do prezo na enerxía e dos combustibles, sobre todo porque lles está afectando a unha serie de colectivos. Un deles é o de axuda a fogar, xa dixemos un sector feminizado. Pois esas mulleres teñen que adiantar o pagamento do combustible para poder ir de casa en casa. Hai mulleres que deixan de traballar porque ou adiantan para o gasóleo ou comen. Moitos dos contratos son parciais e con salarios medios de 600€. O sector da construción pide que se active o mecanismo RED porque non hai material.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...