InicioEconomíaMiguel Otero, UGT: "Non entendo que haxa alguén capaz de tirar proveito...

Miguel Otero, UGT: “Non entendo que haxa alguén capaz de tirar proveito político da actual situación económica”

A coxuntura económica que está pasando a comarca e o conxunto do Estado só se resolve negociando. Ese é o punto de partida para Miguel Otero, responsable de UGT A Mariña, para frear a suba de prezos e as súas consecuencias para todo o tecido económico, desde o industrial até o familiar. Coincide con outros sectores sociais e económicos, nunha imperiosa necesidade de mellora e transformación das infraestruturas comarcais se se busca un avance definitivo para A Mariña.

Publicada o

- Advertisement -

-Nestes momentos cal é a sensación que te arrodea sobre o ambiente laboral en toda a comarca?

Vivimos unha situación dura e difícil como no resto da comunidade. Non obstante, aquí na Mariña estamos nun momento complexo debido á situación en Alcoa e na industria en xeral. Todo isto agravouse co paro no transporte debido á suba dos prezos e unha consecuencia directa é o prexuízo ao sector primario representa un 12% da produción global da comarca. Resumindo, non temos unha visión moi boa da situación económica da Mariña. Debido a isto, UGT, CC.OO xunto coa Unión de Consumidores e Usuarios e a Unión de Traballadores Autónomos, programamos as concentracións do mércores 23 de marzo por todo o país. O aumento de prezos no sector da pesca fixo que as lonxas de Burela e Celeiro leven case unha semana paradas e o sector da baixura xa realizou un paro na comarca. Outro tema é o desabastecemento que aquí aínda non é claro e palpable, mais hai dificultades como por exemplo no sector primario, sobre todo cos pensos e o seu encarecemento xunto con outros produtos básicos. Por tanto, é necesario adoptar medidas xa.

-Cres na posibilidade dun aproveitamento político desta situación por parte de grupos políticos, sociais ou patronais?

Podería ser. O xogo da política é así, cando algo vai mal, sempre vai haber alguén con intencións aproveitarse. Desde a miña opinión se lle vai mal a un sector finalmente repercutirá nos demais, por tanto iranos mal a todos. Non entendo que haxa alguén capaz de tirar proveito político de circunstancias tan negativas. Na Mariña sabémolo moi ben a partir da parada de Vestas e cando en Alcoa se asinou o acordo vixente. Se paraba Alcoa por exemplo, a repercusión sería brutal, pois ela soa aporta o 30% do PIB da provincia de Lugo. Ninguén debe alegrarse dunha situación como a actual, aínda que pode haber alguén alegrándose. Tamén pode haber xente ou partidos buscando polémica, mesmo houbo algún partido que cuestionou o noso labor xunto ao de CC.OO. É dicir, sindicatos con máis de cen anos de historia resulta que agora somos inimigos do pobo segundo algúns.

O aumento de prezos no sector da pesca fixo que as lonxas de Burela e Celeiro leven case unha semana paradas

-Desde UGT detectades que se segue pagando “en negro” algúns traballos, sobre todo a xente nova? Son os mozos e mozas quen máis sofren a precariedade laboral?

A Inspección de Traballo debera estar moi encima do que é a economía somerxida. Nós temos actuado en canto soubemos de irregularidades coas nóminas e os salarios. Así e todo, temos feitas moitas denuncias a Inspección de Traballo ante a situación de certas empresas. Sobre a precariedade comézase a sentir un cambio, creo eu derivado da reforma laboral, que é o aumento dos contratos indefinidos. Segundo as últimas enquisas de UGT, a decembro de 2021 a porcentaxe de contratos indefinidos era dun 13,2%. En febreiro de 2022 esa porcentaxe está no 31,3%. Isto que significa? Pois que esa reforma asinada entre Goberno e sindicatos ao mellor si serve para algo como buscar a redución dos contratos precarios.

-A suba da SMI realmente repercute na economía familiar da comarca?

Lembremos que houbo unha suba de 100€, pasando de 900 a 1.000€. Un dos sectores onde máis se sente é no de servizos, onde habitualmente había salarios moi baixos e con altas taxas de feminización. O sector primario tamén o sentiu e dentro da industria quizais menos porque aí falamos de contratacións con salarios máis elevados. Por outra parte, a contratación indefinida supón unha maior seguridade salarial e iso repercute tamén no poder económico de cada traballador cando busca realizar calquera investimento que leva parello un gasto.

Ninguén debe alegrarse dunha situación como a actual, aínda que pode haber alguén alegrándose

-O abuso das horas extraordinarias ten unha incidencia elevada nos diferentes sectores económicos da comarca?

De maneira xeral, non somos das comarcas onde se fan máis horas extras sen retribuír, aínda que no sector servizos sexa onde máis extras se fagan fóra do horario laboral. Por tanto, para a Seguridade Social estás contratado por un número determinado de horas e logo fas as que fas. A Mariña non é moi dependente do sector servizos, somos moi estacionais, por tanto, non temos constancia de grandes desfases de traballo sen retribuír.

-A creación de traballo pasará tamén para vós polo incremento de oportunidades no sector agrogandeiro e forestal?

Recibimos comentarios sobre a necesidade de ciclos formativos en agricultura, tamén en pesca e forestal. Estamos agora ás voltas co tema de Altri, un asunto agora mesmo parado, coa Mancomunidade pedindo á Xunta que se manifeste para ver se vén para a Mariña. Se houbese un ciclo de formación sobre produción forestal sería moi bo. Esta área é a principal produtora de madeira e por tanto sería necesario formar xente, o mesmo que en agricultura.

a contratación indefinida supón unha maior seguridade salarial e iso repercute tamén no poder económico de cada traballador

-Existen grandes diferenzas salariais entre traballos feminizados e non feminizados?

Nós entendemos que si e UGT aposta pola igualdade dentro dos diferentes sectores laborais. Estivemos examinando as cifras de desemprego comarcal até febreiro e A Mariña supón o 2,3% do desemprego total de Galicia e destas 3.400 persoas sen traballo, o 60% son mulleres. As que traballan están maioritariamente en sectores como axuda no fogar e outros tamén moi feminizados. Sobre os salarios, ás veces os propios convenios reflicten contías salariais moito máis baixas que noutros empregos con maioría de presenza masculina.

-Coincidides con outros representantes económicos e sociais da comarca en que falta investimento nas infraestruturas da comarca?

Estamos nunha situación moi mala en canto infraestruturas. Desde hai un tempo, pode que dous anos, tanto UGT, CC.OO e CIG nesta comarca apostamos pola creación dunha plataforma xunto con diversos sectores produtivos para pedirmos en 2020 e 2021, que culminou coa folga xeral na Mariña. Aí falamos do gran déficit en infraestruturas da comarca. Isto é un lastre en canto desenvolvemento económico como sinalan desde o sector da pesca como do transporte forestal. Aquí tiñamos a A-8, que ía ser a autovía da costa e logo acabou desviada para Vilalba. A Xunta falou do corredor desde Ortigueira a San Cibrao, non o fixo. A A-74, a autovía desde Burela a Foz, está en proxecto. Logo temos o problema do dique norte sen liberalizar. A autoridade portuaria podía liberalizar ese dique, por que non o fai? En Burela cargan barcos de madeira cada dous días, por que non se usa para esta tarefa un dique agora mesmo sen uso ningún? Desde ese lugar poderían enviarse mercadorías. Sobre o FEVE sería necesario uns horarios fixos e unhas máquinas máis rápidas e ademais permitiría ir ao posto de traballo. As melloras nestes puntos redundaría nun beneficio para toda a comarca.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...