Balance positivo de APAGA sobre o encontro internacional de profesores de automoción celebrado en Ribadeo

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, dixo que “o balance que podemos facer é moi positivo e hai que resaltar a intensidade das actividades, tanto a nivel dos traballos do proxecto como dos actos lúdicos que se realizaron".


 O presidente de Apaga, Álvaro Doural, fai un balance moi positivo do encontro do proxecto europeo Sustainable Efficient and Socially Inclusive Quality Apprendice Training, que se celebra desde o pasado sábado en Ribadeo. Ao mesmo asisten 22 profesores chegados de Turquí, Grecia, Italia e outros puntos de España, que aproveitan a súa estancia para coñecer a comarca da Mariña e o Occidente asturiano.
Doural dixo que “o balance que podemos facer é moi positivo e hai que resaltar a intensidade das actividades, tanto a nivel dos traballos do proxecto como dos actos lúdicos que se realizaron en municipios próximos como Mondoñedo, A Pontenova ou Taramundi, todo sempre ligado á formación de aprendices. Hoxe pola mañá estivemos na praia de As Catedrais e pola tarde haberá unha visita guiada a Ribadeo e despois terá lugar un roteiro dacabalo en Castropol”. A reunión de traballo deste proxecto Eramus conclúe hoxe, pero hai docentes que quedarán na zona durante a xornada de mañá, martes: “mañá quedarán algúns participantes por aquí aínda e entón aproveitaremos para facer un paseo en barca grazas á colaboración do Club Náutico de Ribadeo, para posteriormente desprazarnos a Viveiro e O Vicedo”.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia destaca a convivencia, o intercambio cultural e os lazos que se establecen entre os distintos socios que traballan este proxecto: “son xornadas nas que se xuntan distintas culturas. Os máis próximos a nós en todo son os italianos, pero tanto os gregos como os turcos teñen outra forma de vivir e outra cultura; creo que isto é unha parte importantísima deste tipo de proxectos pola convivencia e o que achegan os distintos profesores. Como di o lema do programa Erasmus, enriquecendo vidas; iso é o máis importante. Todos os proxectos xeran outro tipo de colaboracións, e iso é o máis gratificante de todo isto. Quizais non teñen o recoñecemento que merecen, pero hai outra cousa importante tamén: a visibilidade que se lle dá á zona. É algo que non se podería facer con outra ferramenta, é dicir que esta xente leva unha experiencia impresionante de Ribadeo, de Mondoñedo,… E a verdade é que os concellos colaboraron, por exemplo o outro día era únaa da noite e o alcalde de Mondoñedo aínda estaba alí connosco porque se fixo unha queimada. A xente colaborou e iso é de agradecer, despois do esforzo que supón organizar todo isto”.
O proxecto europeo Sustainable Efficient and Socially Inclusive Quality Apprendice Training concluirá no verán: “a próxima reunión vai ser en Malta a mediados de xullo e o proxecto terminará xa a finais de agosto. Despois empezaremos outras accións para as que estamos a pensar manter este grupo de traballo. Onte na reunión da tarde falamos de presentar outro proxecto con estes mesmos socios”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here