InicioEconomíaJosé Carlos Paleo: "O positivo é que se están tomando decisións sobre...

José Carlos Paleo: “O positivo é que se están tomando decisións sobre equilibio e rendibilidade no comercio e na hostalaría”

José Carlos Paleo, presidente da Acia/CCA Foz, avalía o estado actual do comercio focense como positivo. Logo da pandemia e as súas consecuencias, Paleo ve agora mesmo un grande dinamismo en canto visitas e pernoctacións en Foz. Isto para el debera implicar unha aposta decidida por aumentar a oferta de turismo desestacionalizado con eventos atractivos, todos para atraer máis xente. Por outra parte, ve necesario facilitar a incorporación de novas xeracións ao sector hostaleiro ante a falta de relevo xeracional.

Publicada o

- Advertisement -

-Que sensación existe agora mesmo dentro do sector do comercio logo de eliminar as últimas grandes restriccións por culpa da COVID?

A verdade é que de maneira moi positiva. Estase recuperando toda a normalidade, tanto na parte da hostalaría como na comercial e tamén a de eventos, pois esta última é o motor das dúas anteriores. Así pois, estamos moi contentos de como van as cousas polo de agora.

-A experiencia da COVID e as súas limitacións axudaron ao comercio e hostalaría de Foz a recorrer a novas ideas, a non centrarse só nunhas poucas ofertas?

Agora mesmo estanse tomando decisións de futuro para buscar un equilibro entre a falta de persoal e a rendibilidade dos negocios. Non é cuestión de estar horas e máis horas senón de rendibilizar os espazos ademais de renovar a oferta. Sobre este punto podemos falar de novas oportunidades gastronómicas coa apertura de establecementos. Ademais están aqueles sectores profesionais que buscan especializarse en segmentos concretos. O positivo é que se están tomando decisións sobre equilibio e rendibilidade, algo moi importante.

Estase recuperando toda a normalidade, tanto na parte da hostalaría como na comercial e tamén a de eventos, pois esta última é o motor das dúas anteriores

-A falta de man de obra especializada para a hostalaría e outros negocios de cara o público, como apuntaba, está sendo un elemento a superar. Onde están as orixes desta falta de traballadores e traballadoras?

A orixe está na falta de relevo xeracional importante, tanto en hostalaría como noutros sectores. Isto trae que o empresariado estea facendo equilibrios cando a demanda máis forte está nas fins de semana ou nas pontes, mentres o resto da semana vai a un ritmo moi diferente. Algo semellante ocorre co inverno e o verán. Por tanto, estamos diante de subas e baixas moi fortes na demanda que obrigan a facer iso, equilibrios financeiros moi difíciles.

-Concretando máis en Foz, cales serían os puntos a mellorar de cara a animar a oferta comercial en todo o concello?

Digamos que todo está relacionado entre si. O primeiro é a notable mellora na desestacionalización do turismo, estendelo durante todo o ano, algo cada vez con máis importancia. Un exemplo é o turismo de fin de semana. Para isto debemos potenciar a oferta de eventos, tanto culturais como deportivos e isto aumenta o número de pernoctacións de maneira notable. Unha actividade atrae a outra pois os eventos de mil ou de cincocentas persoas son focos de atracción para o comercio e a hostalaría. Todo isto funciona en equipo.

-Existen obxectivos ou programas que busquen desde Foz unha maior desestacionalización do turismo?

Xa digo que unha fórmula moi simple é aumentar a oferta cultural e deportiva durante os meses que non son propiamente turísticos. Logo debemos sinalar que en Foz hai un importante mercado de segunda vivenda e isto pode observarse durante toda a semana no verán e logo en momentos puntuais e tamén xente xubilada que decide vivir aquí. Tamén existe unha oferta interesante en canto apartamentos onde se ofrecen todos os servizos. Temos por tanto, un negocio constante e incrementándose.

-Son necesarias reformas nas infraestruturas existentes ou tamén se deberan construír outras novas, todo para dinamizar economicamente o municipio?

O percorrido de Foz a Ferrol é moi mellorable. Por outra parte, grazas á A-6 a afluencia de xente que vén desde o País Vasco, Cantabria e Asturias, aumentou considerablemente e isto déixase sentir sobre todo na construción, pois xa dixen que hai quen inviste mercando unha vivenda ou segunda vivenda en Foz. No que toca a Galicia, os tempos desde Lugo até Foz diminuíron coa A-6 e agora aumentou o número de persoas do interior da provincia que deciden chegar até aquí. Esta estrada máis outras infraestructuras foron as artífices desta mellora en Foz.

debemos potenciar a oferta de eventos, tanto culturais como deportivos e isto aumenta o número de pernoctacións de maneira notable

-É de supoñer que o turismo rural tamén ten o seu espazo entre o abano de posibilidades que ofrece Foz. Como describiría o comportamento deste sector en concreto?

Estase incrementando de forma constante. Temos unha cadea de rutas que complementa a oferta semanal no concello que atrae grupos de persoas durante todo o ano. Este tipo de turismo non masivo non ten tanta visibilidade como a súa contraparte, mais é un turismo constante. Quere dicir isto que durante o inverno podemos ver duascentas autocaravanas aparcadas e o día de menor rexistro podemos ter cen.

-Dentro do sector máis comercial, senten a necesidade de atraer novos tipos de establecementos e negocios que estea demandando a cidadanía?

Foz ten un sector comercial moi estable e completo cunha oferta moi potente e de moi boa calidade. Ademais observamos dentro das novas vías de ocio hai iniciativas atractivas como son o surf e a vela. Antes só abrían durante o verán mais agora abren permanentemente todo o ano. Actualmente é frecuente ver nenos practicando surf durante todos os domingos do ano. Iso hai moi poucos anos non era posible mais agora si e ademais os negocios poden sobrevivir todo o ano.

o turismo non masivo non ten tanta visibilidade como a súa contraparte, mais é un turismo constante

-En que sectores sería bo investir en actualizacións e así mellorar a competitividade?

Houbo un paso moi importante coa mellora na rúa Álvaro Cunqueiro e na Avenida da Mariña xunto coas melloras na área da praia. Outro factor para ter en conta foi o incremento nas terrazas para o sector hostaleiro, algo que incrementa a rendibilidade do negocio. Con todo, non é só iso o importante senón cando se pode percibir a calidade do servizo como é estar en lugares onde non hai circulación de vehículos ou cunha intensidade de circulación moi baixa. Á parte están as condicións naturais de Foz desde Malates até Llas, complementadas con paseos e carril bici. Todo isto son vantaxes para as persoas que elixen este concello, máis aínda, durante os últimos anos observamos familias de xente nova con nenos con segunda residencia por non teren que realizar grandes desprazamentos á praia ou lugares naturais.

-O comercio online é unha das novas vías de negocio. Desde Foz teñen iniciativas deste tipo, hai constancia de xente que use só Internet como vía de comercio?

Si, actualmente hai un número importante de negocios que usan a Internet como canle de venda. Nós desde o ano 2010 temos a Tarxeta do Comercio de Foz para a fidelización da clientela, así os comercios poden enviar as novidades e rebaixas directamente aos consumidores e consumidoras. Tamén hoxe en día a inmensa maioría dos negocios teñen a súa tenda online. Por outra parte, ACIA Foz ten a súa web que serve como ponte de transmisión para todos os negocios e potencial clientela. Isto facilita vender durante todo o ano a esa persoa que se achegou durante o verán.

durante os últimos anos observamos familias de xente nova con nenos con segunda residencia

-Que lle gustaría ver realizado en Foz de aquí ao ano 2023?

Gustaríame que Foz sexa un lugar turístico con todo o que iso implica. Quero dicir, que haxa unha boa sinaléctica, onde haxa unha sensación de orde e tranquilidade. Outras obras que se poden acometer a máis longo prazo son os aparcadoiros público-privados, por exemplo. Hai moitos aparcadoiros, mais son privados.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...