Inquedanza en Alcoa San Cibrao ante a subasta da electricidade que comeza este luns

Coa ameaza de peche das plantas de Avilés e A Coruña, a fragmentación dos lotes de enerxía da poxa prexudica á multinacional

Fábrica de Alcoa en San Cibrao. AXM

Os obreiros da planta de Alcoa en San Cibrao viven con inquedanza a poxa de potencia interrumpible para o primeiro semestre do primeiro ano, que subastará un total de 2.600 megavatios (MW) de electricidade entre este luns e o vindeiro venres.

A subasta de menos bloques grandes de enerxía, de 40 MW -estímase que serán entre 16 e 24, polos 25 ofrecidos no pasado mes de maio-, e de máis dos pequenos, de 5 MW -cunha pinza entre 328 e 392, polos 320 subastados nese mesmo período-, podería prexudicar a Alcoa, dado que a multinacional é unha das grandes consumidoras de electricidade.

Malia presentar un ERE de extinción para as plantas de Avilés e A Coruña, Alcoa presentarase á subasta de enerxía eléctrica para as súas tres plantas españolas.

a redución dos lotes de 40 Mw a subasta semella “outro cravo no ataúde” de avilés e a coruña

ALCOA, A “GRAN PREXUDICADA”

Coas plantas de Avilés e A Coruña ameazadas de peche, pendentes da negociación do ERE, a fragmentación dos lotes subastados “semella outro cravo no ataúde das fábricas“, expón Xosé Paleo, presidente do comité de empresa da factoría de San Cibrao.

O sindicalista afirma que “non pinta nada ben. Está claro que nesta tesitura Alcoa é a gran prexudicada, cando a electricidade supón o 40% dos custes de produción“, expón o presidente do comité de empresa sancibrense.

INTERRUMPIBILIDADE

A interrumpibilidade trátase dun sistema de poxas que permite que as empresas que máis electricidade consomen reciban unha retribución a cambio da súa dispoñibilidade para desconectarse da rede en casos de emerxencia enerxética para o país.

Na última poxa, celebrada a finais do pasado mes de maio, o prezo medio de asignación foi de 174.174 euros por cada megavatio e ano para os bloques de 40 MW, mentres que se situou en 63.168 euros/MW e ano para os de 5 MW.

Os prezos de saída fixados pola Secretaría de Estado de Enerxía foron de 200.000 euros/MW e ano para os produtos de 40 MW e de 150.000 euros/MW e ano para os de 5 MW. A media ponderada de asignación situouse en 105.863 euros/MW e ano.

Naquela ocasión, a Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (AEGE)  considerou que os resultados foron “un novo xarro de auga fría” para as industrias electrointensivas, cun “drástico recorte” na retribución por este servizo de 209 millóns de euros, un 40% menos que en 2017.

O prezo da enerxía para as empresas electrointensivas converteuse nun dos grandes quebradizos de cabeza para o Goberno nos últimos tempos, que viu como empresas como Alcoa ou Cemex incluírono entre os argumentos para xustificar as súas decisións de peche de plantas.

“UN PARCHE”

Paleo asegura que a poxa de potencia interrumpible “é un parche” e insiste en reclamar unha tarifa eléctrica cun prezo regulamentado e estable por varios anos, como única maneira de garantir o emprego. “Con esta provisionalidade o noso futuro é moi complicado, pois é imposible que se poda investir”, indica.

o comité sancibrense cre que a interrumpibilidade “so é un parche” e non ve futuro á fábrica sen un prezo estable

MEDIDAS DO GOBERNO

O presidente do comité de empresa sancibrense agarda que podan concretarse as medidas aprobadas polo Goberno o pasado venres, co obxectivo de axudar ás empresas electrointensivas a manter a súa cota de mercado fronte ao impacto da electricidade.

Entre estas medidas destacan a creación do Estatuto de Consumidor Electrointensivo e a figura da rede de distribución de enerxía eléctrica pechada.

O obxectivo do Executivo é conseguir unha diminución dos custos enerxéticos para os consumidores electrointensivos, que poderán participar de redes pechadas de distribución e disporán dun estatuto que os caracterice e recolla os seus dereitos e obrigacións en relación á súa participación o sistema e os mercados de electricidade.

COMPENSACIÓN DE CUSTOS POR CO2

Ademais, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, anunciou queantes de que finalice o ano procederase ao pago das axudas de compensación de custos de CO2, unha das peticións da industria electrointensiva.

Desta maneira, desbloquearase a partida de 150 millóns de euros que foi incluída nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2018 para compensar á industria electrointensiva por eses custos indirectos por emisións de dióxido de carbono (CO2).

“Estanse a dar máis avances en seis meses que en catro anos”, indica Paleo, que non obstante remarca que “o que necesitamos as plantas de Avilés, A Coruña e San Cibrao son medidas urxentes“, e lembra que “as compensación de custos por CO2 está sen cobrar desde 2017“.

PARTICIPACIÓN NA FOLGA

O comité de empresa de San Cibrao ten sobre a mesa unha proposta dos representantes dos traballadores da Coruña e Avilés para unirse á folga convocada nas dúas plantas o 19 de decembro.

os traballadores decidirán o xoves se respaldan a folga convocada polos obreiros coruñeses e avilesinos o día 19

Ese día haberá dúas marchas reivindicativas -unha desde Ribadeo e outra desde Castropol– que concluirán cunha concentración en Vegadeo.

O comité de empresa da planta cervense reunirase na mañá deste luns para decidir se respaldar o paro. O xoves haberá unha asemblea de traballadores na que se refrendará a proposta dos representantes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here