CIG e BNG piden en Bruxelas “unha tarifa enerxética estable” para Alcoa

O presidente do comité da planta de San Cibrao asistiu ao encontro co comisario europeo de Enerxía, Arias Cañete

Paleo, á dereita, con Miranda e outros representantes de BNG e CIG en Bruxelas.

A CIG e o BNG trasladaron este luns ao comisario europeo de Enerxía, Miguel Arias Cañete, a proposta para a creación dunha tarifa enerxética “estable e predicible” ante a situación que afronta a planta de Alcoa na Coruña, para a que a multinacional do aluminio presentou un ERE de extinción.

O sindicato e mailo partido nacionalistas tamén fixeron fincapé nas informacións relativas á factoría de Ferroatlántica en Sabón (Arteixo), para a que se baralla outro expediente de regulamento de emprego.

Asistiron á xuntanza, xestionada pola eurodeputada do Bloque Ana Miranda, representantes da CIG na fábrica coruñesa e tamén na de San Cibrao. O presidente do comité de empresa da planta de Cervo, Xosé Paleo, acudiu á cita.

Malia que Alcoa asegurou que non entra nos seus plans pechar a fábrica de San Cibrao, os obreiros da factoría cervense cren que o complexo non ten futuro a medio prazo sen un prezo de enerxía máis barato.

A intención do encontro, segundo Miranda, foi levar a Bruxelas”toda a problemática” da factoría de aluminio e buscar “un plan alternativo”.

Así, o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, destacou que o obxectivo é que a Unión Europea “poña en marcha os mecanismos necesarios para darlle solución” a esta crise, “ante a incapacidade da Xunta e do Goberno español”.

As medidas que expón o decreto aprobado polo Executivo central, espuxo, son “insuficientes e lentas para estar á altura das circunstancias”.

“PRAZOS E PARTIDAS CONCRETAS”

Por iso, a organización sindical levou as súas “propostas para un sistema de tarifas que permita un marco regulador estable e xusto, con prazos e partidas concretas para que se efectivicen de inmediato”, explicou Carril.

Preguntado respecto diso, sinalou que ante “algunhas cuestións” Cañete “remitiu a Competencia” e que en “outras entende que debe ser o Goberno español” o que resolva o conflito.

CC OO PIDE A CABEZA DE RIBERA

La Federación de Industria de CC OO de Asturias pediu a demisión da ministra para la Transición Ecológica, Teresa Ribera, por considerar que “non está capacitada para solucionar el problema de la tarifa eléctrica para las grandes empresas consumidoras”.

O sindicato solicitou ademais a intervención do Estado para manter a produción do aluminio en España.

FOLGA E PROTESTA EN VEGADEO

Obreiros das tres plantas españolas de Alcoa reuniranse en Vegadeo o vindeiro mércores para protestar contra o peche das fábricas da Coruña e Avilés. Ese mesmo día haberá folga nas tres factorías.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here