A frota mariñá, atenta a Bruxelas pola pescada sur ou os descartes

O Consello de Ministros da Unión Europea debatirá ata martes os TAC e cotas para 2019

A expedición española en Bruxelas, co ministro Luís Planas e a conselleira Rosa Quintana. AXM

O Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, que decidirá os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas para 2019, arrincou este luns e prolongarase ata o martes.

É unha cita fundamental para a frota mariñá, que coñecerá as súas posibilidades de pesca de cara a un ano, ademais, no que entrará en vigor a obriga de desembarque.

O Executivo comunitario propón para a pescada sur, capturada no Cantábrico, un recorte do 14% nas posibilidades de captura. Malia que frotas como a de Celeiro faenan maioritariamente no caladoiro do Gran Sol, a redución suporía un revés para o arrastre.

A cota pasaría de 9.259 toneladas a 7.963, o que suporía o quinto ano consecutivo de recortes.

Neste senso, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, propón que se aplique o Plan plurianual de augas do Cantábrico, no que se establece a xestión da pesquería en rangos.

a conselleira cre “realista” incrementar un 3% as posibilidades de pesca da pescada de augas ibéricas

Isto permitiría, afirmou a representante da Xunta, incrementar “nun 3% as posibilidades de pesca desta especie en relación ao ano pasado, un porcentaxe realista que permitiría aumentar a biomasa do stock nun 41%”.

XARDA, REDUCIDA NUN 20%

A cota da xarda, pesquería fundamental para a frota de artes menores ou de litoral, quedou reducida nun 20%. As embarcacións españolas terán unha cota de 24.618 toneladas para 2019.  

OBRIGA DE DESEMBARQUE

O 2019 será un ano chave. Malia que se prevé unha prórroga das negociacións do Brexit que por agora afasta a ameaza do peche das augas británicas, entrará en vigor a obriga de desembarque, que prohibirá os descartes pesqueiros.

As embarcacións terán que levar todas as capturas a porto, o que pode provocar dificultades aos buques que teñan pouca ou ningunha cota das especies -chamadas “de estrangulamento”- que caian nas súas redes, como o bacalao, por exemplo.

a flexibilidade no intercambio de pesquerías podería ser unha solución para a prohibición dos descartes

A solución podería pasar pola dispoñibilidade para poder realizar intercambios de pesquerías entre as frotas que actúan no Atlántico e no Mar do Norte. A Comisión Europea (CE) propuxo a creación dunha bolsa de especies para realizar trocos.

RMS

Por outra banda, a cercanía de 2020 trae un novo desafío. Todos os Estados da Unión Europea (UE) comprometéronse a axustar as capturas para acadar ese ano o Rendemento Máximo Sostible (RMS), os tope considerado para garantir unha explotación segura a nivel medioambiental.

A frota advertiu que unha rixidez excesiva á hora de aplicar os criterios ecolóxicos pode ter consecuencias importantes a nivel socioeconómico.

Polo tanto, este será outro factor importante á hora de avaliar o resultado dunhas negociacións que se prolongarán, presumiblemente, ata a noite do martes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here