InicioEn ProfundiadeAna Ermida: "Cando chegamos ao Concello había facturas pendentes por máis dun...

Ana Ermida: “Cando chegamos ao Concello había facturas pendentes por máis dun millón de euros”

Ana Belén Ermida Igrexas é a alcaldesa de Barreiros, un concello onde durante moito tempo a especulación urbanística chegou a límites descoñecidos ata daquela. Todo para "aproveitar" a liña de praias durante o verán. A intención do equipo municipal que dirixe Ermida é a de explotar mellor os outros elementos que conforman o Barreiros interior e xunto a isto, a dinamización social de todas as parroquias.

Publicada o

- Advertisement -

-As referencias a Barreiros eran San Cosme ou San Miguel e as praias do concello. Co tempo foise caendo na conta que exisitían parroquias de interior. Mais cre que o turismo foi o que lles permitiu a ter unha identidade propia entre concellos como Foz e Ribadeo?

Barreiros ten características e recursos abondo para distinguirse por si mesmo e non só en turismo. Temos un sector gandeiro que destaca como un dos máis recoñecidos nacional e internacionalmente polo seu tipo de explotacións. Temos potencial suficiente como para buscar un espazo propio dentro da Mariña, porque ningún concello por si mesmo pode converterse unicamente nun destino turístico. Aínda así, insisto en que temos puntos distintivos para que Barreiros teña a súa propia marca e o seu propio espazo.

-Un dos puntos que non se desenvolveu moito historicamente en Barreiros foi a pesca.

Compartimos ría con Foz e isto trouxo que no seu momento houbese unha extensa actividade marisqueira, mais o pouco mantemento da ría coa falta dunha boa depuración de auga, fai que a ría non dea todo canto podería dar de si.

-Desde o Concello de Barreiros quérese impulsar algunha iniciativa para recuperar esa actividade na ría?

Temos por diante a mellora dos sistemas de depuración e iso non se pode corrixir a curto prazo, pois sería arranxar os sistemas de todos os concellos que atravesa o río Masma. Por tanto, para pór en valor de novo a ría restaurando o seu valor marisqueiro deberíase revisar todo o sistema de limpeza de augas. Iso permitiría recuperar a actividade marisqueira que agora mesmo está moi acoutada a determinadas épocas.

Temos puntos distintivos para que Barreiros teña a súa propia marca e o seu propio espazo

-Actualmente estase a potenciar o que sería turismo cara o interior do concello. Custa moito convencer aos visitantes de que existe alternativa ás praias?

Non sei se o verbo é custar. Si é certo que houbo un traballo previo que case reduciu Barreiros aos oito quilómetros de praias, para min as máis bonitas. Aínda así, nós cremos que hai cousas máis alá dos areais como é o patrimonio natural, cultural e as rutas interiores. Todo isto dentro da actual situación que vivimos en canto a pandemia e a situación económica do Concello, é unha eiva para materializar ideas e iniciativas.

-A COVID tivo algunha incidencia especial sobre Barreiros?

Non, creo que vivimos a pandemia a un ritmo semellante ao doutros concellos tendo en conta as nosas características de dispersión poboacional e o reparto territorial. Por tanto, non houbo unhas diferenzas salientables con outras entidades municipais da comarca. Houbo picos altos, é certo, mais non foron momentos de descontrol e pola contra, apareceron situacións novidosas coas cales non sabías como tratar nun principio. Había que tomar decisións de maneira moi inmediata ou aplicar decisións que viñan dadas cos poucos medios ao noso dispor para atender á xente do noso redor.

-Isto debeu paralizar boa parte do traballo municipal.

Si que o fixo, mais tamén viñamos dunha situación económica complicada sen arranxar de momento e aquelas iniciativas xa en marcha están paradas polo de agora. Un exemplo é o da participación veciñal coa aprobación dun regulamento para a participación cidadá no pleno. Desgrazadamente só se puideron facer un ou dous plenos con presenza cidadá. Esperamos retomar isto en breve. Tamén quedou pendente o traballo parroquial que quixeramos rematar neste mandato se as circunstancias o permiten. Se imos a cuestións máis puntuais, para o centro de San Cosme, que é a cabeceira municipal, temos pensado a humanización da rúa central, a recuperación das antigas escolas como centros sociais así como a recuperación do teleclub para transformalo en viveiro de empresas e locais sociais para asociacións. Isto vén acompañado dunha pista de skate que creamos en convenio coa Deputación como espazo propio para xente nova e tamén crear unha zona de deporte. Afrontamos tamén a mellora de rede de abastecemento de augas na área de Remior, a única zona de costa onde quedan explotacións gandeiras. E por último, a mellora de servizos que non se ven mais son necesarios como é o abastecemento de auga ou a recollida do lixo.

-Falaba antes dunha situación económica complicada cando chegaron á alcaldía.

Cando chegamos en 2019 vimos que había facturas pendentes de pagamento desde marzo dese ano por máis dun millón de euros. Por tanto, debíamos afrontar eses pagamentos xa aprobados e á parte facturas de anos anteriores. Nese contexto tivemos que traballar en 2019 cun orzamento esgotado. A todo iso súmaselle 400.000 euros anuais para pagar a devolución dun empréstito do ano 2012 de pagamento a provedores de facturas atrasadas, daquela eran 2.500.000 euros. Todo isto sumado volve imposible levar adiante traballos con fondos propios. Desta maneira tentamos materializar un control exhaustivo do gasto pois vimos operacións realizadas sen ter en conta o total do orzamento ao dispor do Concello. Isto levounos o 2019 e parte do 2020. Isto reflectiu que en 2020 limpamos sobre medio millón de euros de débeda, cousa importante tendo en conta que é un orzamento de 3.800.000 euros. De aí que para nós sexa moi importante a colaboración doutras administracións para afrontar investimentos importantes.

A COVID PARALIZOU INICIATIVAS COMO A PARTICIPACIÓN CIDADÁ E O TRABALLO PARROQUIAL

-Púxose freo ou controlouse dalgunha maneira ao nivel de construción na área da costa?

Pois foi o mesmo mercado o que nivelou esa burbulla de construción. Dentro do terreo urbanístico estamos redactando o PXOM, que non é doado debido á situación de partida sobre a que debes traballar. Ten que ser un PXOM realista e adaptado ás circunstancias, pois creo que aquel tipo de construción non vai volver. Primeiro porque non é sustentable, foi unha burbulla, por iso espero que todo o relacionado co urbanismo en Barreiros quede no pasado.

en 2019 TRABALLAMOS cun orzamento esgotado ao que se lle sumaban 400.000 euros anuais para pagar a devolución dun empréstito do ano 2012

-Barreiros está atravesado polo FEVE, estradas 642 e 634 que enlazan no propio concello e novas infraestruturas. Están satisfeitos con estas infraestruturas ou precisarían máis e mellores?

Nese sentido non somos diferentes a outros moitos concellos deste país. Nomeadamente a A-8 que sube cara a Vilalba acabou poñéndonos nunha boa situación cara o interior. Mais en dirección ao Vicedo estamos sen unha estrada máis moderna. Por unha parte está a autovía até San Cibrao por parte do Estado e o corredor San Cibrao-Ferrol por parte da Xunta. Á comarca en si fáltalle unha mellor vertebración. Sobre o tema do FEVE, é un exemplo moi claro de desmantelamento e infrautilización dunha infraestrutura que podería ser vital se estivese pensado como tren de cercanías para comunicarnos, non só a Mariña senón para darlle saída tamén a mercadorías da comarca. Hoxe é unha infraestrutura con horarios nada adaptados á comarca. Sempre digo que temos infraestrutura de saída mais para viaxar por exemplo a Ferrol, non hai unha vía que nos comunique en condicións.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...