50 anos de ferrocarril: A Mariña perdeu o tren?

Logo de cinco décadas da apertura, o tranvía esmorece e ten tres veces menos usuarios ca no 2000

Estación de Viveiro. WIKIPEDIA/DURA-ACE

O treito de ferrocarril Viveiro-Vegadeo, que abrangue practicamente a totalidade da comarca da Mariña, cumprirá 50 anos o vindeiro mes de xuño. Foi o último tramo inaugurado do proxecto de vía férrea Ferrol-Gijón, aprobado no 1906. Cinco décadas despois da súa apertura, o tren esmorece na bisbarra. Os horarios que ofrece non cubren as necesidades da poboación. As supresións conlevan a perda da confianza dos usuarios. O seu potencial para transportar mercadorías está infrautilizado.

Son algunhas das conclusións dun informe presentado recentemente pola Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, que desde hai dous anos tenta evitar unha morte que semella anunciada. Desde 2013, a liña está integrada na rede de Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif), a quen corresponde a parte administrativa, mentres que a Red Nacional de Ferrocarriles Españoles (Renfe) é a operadora. Segundo o colectivo, a xestión do tren defínese nos últimos anos polo “desleixo”, cunha intención de “liquidar o servizo de forma encuberta”.

SEN MANTEMENTO

Hai anos que a liña arrastra problemas de mantemento. Durante anos, cando se producía unha incidencia ou derrubo, impúñase unha Limitación Temporal de Velocidade (LTV) -que obriga o tren a ralentizar a marcha nese treito- en lugar de solventar o problema. A plataforma recolle no informe que Adif anulou unha partida plurianual de mantenza do servizo (2017-2020) de 12,8 millóns de euros, destinada en parte a acabar cos LTV e que foi sustituída por outra de 1,9 millóns ata o mes de setembro do 2017.

SERVIZO INSUFICIENTE

No 2016 producíronse máis de 500 supresións na liña Ferrol-Ribadeo, motivadas nun 60% por averías -segundo apunta o informe, os tranvías máis modernos resultaron ser menos fiables– e nun 40% por falta de persoal, xa que o abundante número de prexubilados non é cuberto. O ano pasado houbo máis de 900 cancelacións, habitualmente mal solventadas, pois a alternativa por estrada que ofrece Renfe pode supoñer retrasos dunha hora sobre o tempo previsto de chegada.

no 2016 houbo 500 supresións na liña. no 2017, máis de 900

A deshumanización do tren, sen control de accesos, significa que hai que parar en todos os apeadeiros e que moitos viaxeiros poden librar de pagar o billete. A lentitude e a falta de fiabilidade do tranvía -con entre tres e catro supresións diarias de media- supón unha perda de confianza por parte dos usuarios a miúdo irrecuperable.

Protesta polo tren. PLATAFORMA POLA DEFENSA DO FERROCARRIL FERROL-RIBADEO

Catro liñas diarias no sentido Ferrol-Ribadeo e outras catro no Ribadeo-Ferrol, máis dúas conexións Ferrol-Oviedo en ámbalas dúas direccións, son insuficientes para abastecer unha poboación que precisa dunha maior frecuencia de servizo para ir aos traballos, aos centros de estudo, aos focos administrativos ou ao Hospital da Costa. O tren, pois, non ofrece unha alternativa, nin aos mariñaos nin aos visitantes. Mentres, 11.000 persoas transitan ao día -15.000 en verán- pola deficiente N-642, a única estrada que vertebra a comarca.

11.000 persoas transitan ao día pola deficiente n-642. o tranvía non ofrece unha alternativa

O TRANSPORTE DE MERCANCÍAS, SEN EXPLOTAR

A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo advirte de que Adif apenas promociona o servizo. Tamén, de que rexeitou ofertas de transportistas de madeira co argumento da escaseza de persoal. Na actualidade só se prestan servizos de transporte de mercadorías desde Xove, sobre todo subproductos do aluminio procedentes de Alcoa. O que resulta incomprensible, asegura o colectivo, de ter en conta que os portos da cornixa cantábrica supoñen o 20% do tráfico total do sistema portuario español. 

FUTURO

Cabe preguntarse que foi primeiro, a perda de usuarios ou o declive do servizo. A plataforma na defensa do ferrocarril asegura que as condicións da comarca son as mesmas de hai quince anos, cando o tren tiña tres veces máis usuarios. A bisbarra no padeceu unha sangría demográfica. Tampouco acadou unha mellora das infraestruturas que poidese prexudicar o ferrocarril. Mesmo a oferta dos centros educativos é superior. O turismo medrou, con fortes polos de atracción como o Resurrection Fest, As Catedrais ou O Fuciño do Porco. Non hai razóns para pensar nunha falta de utilidade do tranvía -que pode ser unha opción económica, social e turística- máis alá da pésima oferta. 

Segundo a plataforma, todas as dificultades do ferrocarril na bisbarra defínense nunha: “non se comprende ou non se quere comprender o servizo que precisamos aquí. Os medios de transporte teñen que ir por diante da xente, non por detrás”, aseguran. Quen sabe se A Mariña non perdería o tren.

2 COMMENTS

  1. Mentres non exista un sentimento ecoloxista e de pertenza do sector publico para o ben de todos, non acadaremos unha sociedade máis igualitaria e por tanto máis xusta.

    Con un tren un pouco máis rápido e con máis liñas, outro galo cantaría, no referente ó número de usuarios que fariamos uso do servizo ferroviario.

    Menos coches e máis ferrocarril.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here