Sargadelos desafía aos sindicatos co anuncio de 49 despedimentos

A empresa executou oito cesamentos xustificándose nas "ameazas" da UXT de denunciar irregularidades laborais, mentres que fontes sindicais resaltan que "non hai nada interposto"

Traballadora na cerámica de Sargadelos. CONCELLO DE CERVO

A dirección de Sargadelos sorprendeu aos seus traballadores, que mantiveron este venres unha xuntanza coa dirección da firma, ao anunciar o cesamento de 49 obreiros, a metade do cadro de persoal da fábrica cervense.

Este mesmo día, con moitos operarios de vacacións ou de días libres -o mércores foi festivo a nivel galego e o xoves San Roque, patrón local-, executáronse oito despedimentos

NOVOS EMPREGADOS

O conselleiro delegado do grupo empresarial, Segismundo García, asegura que a empresa decidiu prescindir de 49 novos empregados nun contexto de enfrontamento coa representante sindical da Unión Xeral de Traballadores (UXT) na fábrica, Rogelia Mariña.

A sindicalista, que leva décadas como representante dos traballadores na fábrica e foi presidenta do comité de empresa, foi despedida no 2016 por cuestionar a García, un cesamento considerado improcedente polo Xulgado do Social nº 3 de Lugo. Sargadelos debeu readmitir á operaria e indemnizala con 30.000 euros por danos morais.

de fondo late un conflito coa representante de uxt na fábrica, despedida e readmitida por orde da xustiza

O dirixente de Sargadelos afirma que a sindicalista “ameazou” con demandar á empresa polos contratos laborais destas persoas, ao entender que vulneraban os dereitos dos traballadores en varios aspectos, entre eles a remuneración. Neste documento adxunto, o empresario argumenta a súa postura. CARTA

García asegura, que, “dado o aumento de pedidos e a imposibilidade de subir prezos pola carestía do mercado”, o grupo empresarial contratou a estes obreiros “cun salario inferior ao do persoal supervivinte do concurso de acreedores no que aínda estamos inmersos, pagando as correspondentes débedas”.

o conselleiro delegado di que o sindicalismo é “a rémora da empresa”

NON DESCARTA “O PECHE”

O conselleiro delegado de Sargadelos subliña que “non é nada doado contratar 49 persoas en ano e medio, o que non podemos facelo é coas prerrogativas que a lei dá aos antigos. Non enganamos a ninguén, todos sabían as súas condicións de traballo”, destaca.

E xustifica a decisión de despedir a estas persoas “pola presión sindical. Así, no seu léxico, ninguén será ‘explotado’”, afirma, para concluír que “a lexislación laboral ampara aos sindicatos e eles están a ser a rémora da empresa”.

Neste senso, o dirixente do grupo empresarial sostén que “non haberá marcha atrás por parte da firma” e non descarta “o peche da fábrica”. No tocante á factoría de Sada, non se esperan despidos.

A UXT: “É INCONGRUENTE”

Fontes da Unión Xeral de Traballadores mostran a súa “sorpresa” polos despedimentos e polo anuncio da empresa e aseguran que “non hai nada interposto” contra a situación laboral dos novos traballadores da fábrica. 

a uxt sinala que “non hai causa obxectiva” para os cesamentos e defende á súa representante, que “fai o seu traballo”

As fontes sindicais sinalan que a súa representante “non está a facer nada máis ca o seu traballo” e cuestionan que exista “unha causa obxectiva” dos despedimentos.

Lembran que “cando se pretende despedir a alguén o primeiro que hai que facer é informar aos delegados dos obreiros. A dirección está a ser incongruente; vende a boa situación económica da empresa e despois bota traballadores á rúa”, conclúen. 

SITUACIÓN ECONÓMICA

A situación económica do grupo empresarial non é desesperada e García admite que non é a causa dos despedimentos.

A firma recibiu un revés en xaneiro, cando o Tribunal Supremo deu a razón á CIG e declarou irregular o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) executado no 2010. Sargadelos viuse obrigado a readmitir a sete traballadores e pagar o salario que deixaron de percibir durante o seu cesamento, o que a empresa cifrou nun custo de 800.000 euros

Sen embargo, a facturación do grupo, que saíu no 2016 do concurso de acredores voluntario no que entrou no 2014, medrou nos últimos anos.

Cunha aposta -venta de xoias ou marroquinería, deseños de Agatha Ruiz de la Pradacriticada por moitos, ao entender que desvirtúa o concepto de Sargadelos que creou Isaac Díaz Pardo, e cunha forte oposición por parte dos sindicatos ao considerar que a súa concepción empresarial é lesiva para os traballadores, García conseguiu -segundo os datos da empresa- que o grupo facture entre sete e oito millóns de euros anuais. A débeda de Sargadelos sitúase, segundo a firma, en dous millóns.

5 COMMENTS

  1. Despois de ler a Carta… como non haxa ACORDO, Sargadelos vaise ao tacho de verdade !!!

    E non sei por que os empregados non se pechan na fábrica e RESISTEN antes de que os despidan a todos… Case mellor morrer de pe que vivir de xeonllos… (pero os 30.000 € deberan ser o primeiro donativo que recibira a Caixa de Resistencia dos traballadores de Sargadelos Cervo !!!

  2. O xerente de Sargadelos debería dimitir do seu cargo, entre os motivos está a carta na que acusa a xuíz do social, o xuíz do mercantil, a un sindicato, a representante dos traballadores/as, con uns argumentos que deixan en moi mal lugar a firma Sargadelos.

    Marchese e deixe traballar a persoal capacitado para ese cargo.

  3. Dende q unha man negra está detras,acabouse Sargadelos,porqe non interesa todo aqilo q cheire a Galizia, e o cancro teñeno dentro.Iste país estase desvirtuando, e alguém frota as mans.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here