InicioEn ProfundidadeOs obreiros revólvense para evitar que Alcoa pare "o corazón" industrial da...

Os obreiros revólvense para evitar que Alcoa pare “o corazón” industrial da Mariña

Os traballadores míranse no espello da Coruña e Avilés para oporse ao apagado de cubas, que a empresa pretendía asinar previamente a abordar unha venda da planta de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

Semanas atrás, nunha asemblea multitudinaria celebrada en San Cibrao, dirixentes do comité do complexo industrial de Alcoa espuñan aos seus compañeiros, tamén ás ducias de familiares que se congregaban no campamento de folga, a necesidade de que non parasen as cubas de eléctrolise da planta de aluminio. Advertían dos exemplos das antigas fábricas da multinacional na Coruña e Avilés; “eles pasaron o trago primeiro, nós temos sorte de poder aprender do que pasou”, salientaban.

Despois de que durante dous anos, e co respaldo institucional da Xunta de Galicia, Alcoa mantivese un pulso co Estado polo prezo da enerxía, en realidade por rabuñar subvencións encubertas a través do servizo de interrompibilidade para corrixir o custo da luz, cadrar as contas e estirar a súa permanencia na Mariña Lucense sen necesidade de comprometer investimentos, cunha escalada de presión para a que a multinacional utilizou os postos de traballo e a propia fábrica -primeiro parou cubas e despois renunciou á brascaxe, condenando á suspensión de empregos a 45 obreiros de Reymogasa e Cyrgasa-, os sindicatos entenderon que non había vontade de continuar coa produción, e dende entón a consigna central das protestas foi ‘as cubas non se paran‘.

O APAGADO DA MAQUINARIA, EIXO DAS NEGOCIACIÓNS

Na negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional na planta de aluminio, que afectaría a uns 900 traballadores entre a factoría e as contratistas, as conversas xiraron sobre a intención da empresa de asegurar o apagado da maquinaria de electrólise e a negativa dos obreiros a aceptar o que suporía, entenden, “a morte” do complexo industrial, ao parar “o corazón” do mesmo.

Malia que Alcoa alegou a través dun comunicado que ofreceu vías para vender a fábrica “coas cubas funcionando”, o obxectivo da súa estratexia foi o apagado das mesmas, dado que, segundo as súas propias estimacións, continuar coa produción supón “perdas” de “un millón de euros por semana”.

A EMPRESA PRETENDÍA AMARRAR UN ERTE E NEGOCIAR UNHA VENDA XOGANDO CON ESA CARTA

A proposta da empresa pasaba por asinar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) ata o 31 de xullo de 2022, que suporía a parada das cubas; en cambio, o apagado da maquinaria de electrólise posporíase un máximo de seis semanas para abordar un proceso de venda. É o período que segundo o posible comprador, Alvance, do grupo Liberty House/GFG Alliance, un investidor que Administracións e comité ven “solvente”, sería necesario para asinar un acordo. É dicir, a suspensión dos contratos quedaba amarrada para a compañía, que podería xogar con esa carta e ralentizar o procedemento, pois faríase efectiva necesariamente no caso de non consumarse unha transacción das instalacións.

Para os sindicatos, aceptar suporía certificar a defunción da electrólise, dado que dubidan da intención de vender por parte de Alcoa. Aseguran que, nun contexto de plan de axuste a nivel global, cunha sobrecapacidade da produción do aluminio, a multinacional pretende a deslocalización da produción para introducir o metal en España procedente do macro complexo de Ma’aden (Arabia Saudí), e á luz dos exemplos das antigas plantas da compañía na Coruña e Avilés, as centrais cuestionan da súa boa vontade á hora de negociar con terceiros.

AS FÁBRICAS AVILESINA E CORUÑESA, COAS CUBAS POR REARRANCAR MALIA SER VENDIDAS

Nestas factorías asinouse en xaneiro do 2019 un Erte con condicións similares, en ambos casos despois de que a titular presentase en outubro de 2018 senllos ERE de extinción. Na Coruña, a primeira serie de electrólise -128 cubas- apagouse por completo o 8 de febreiro, e a segunda -outras 144- completouse o 14; Alcoa acababa con 60 anos de produción de aluminio na cidade herculina. En Avilés, o proceso completouse tamén nese mesmo mes.

Desde entón, non houbo rearranque da maquinaria.

“Hoxe vemos a realidade, ata agora falabamos de hipótese sobre se se ía parar ou se ía pechar, pero non o vías, pero agora estámolo vendo dun modo tanxible, e iso é como baixar á realidade dun proceso que nos pode levar ao paro“, declarou daquela o presidente do comité de empresa de Avilés, José Manuel Gómez de la Uz.

Quedaba ata xullo para atopar comprador, pero a compañía radicada en Pittsburgh coidouse de non facer negocios con competidores.

ALCOA VENDEU AS INSTALACIÓNS A PROXECTOS ESPECULATIVOS

Aínda que se especulou con posibles ofertas de empresas do sector como Alibérico ou a propia Liberty House -esta última relativizaría máis adiante o seu interese polas mesmas-, Alcoa pechou un acordo cun proxecto especulativo. No pasado agosto, hai pouco máis dun ano, a multinacional vendeu as fábricas coruñesa e avilesina ao fondo suízo Parter; os traballadores chegaron a manifestarse para que a propietaria valorase a oferta doutro investidor, a xermana Quantum.

O comprador comprometeuse a manter o persoal completo -uns 700 operarios entre A Coruña e Avilés- e propuxo “proxectos de reindustrialización para ambos centros e un posible rearranque da electrólise”, destacaba Alcoa nunha nota. A compra foi avalada polo Goberno central; o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, salientaba que Parter “cumpre co requisito de capacidade industrial e de manter o 100% dos empregos durante 24 meses”.

Nove meses despois -en pleno estado de alarma– Parter revendeu as fábricas a Capital Riesgo. Os obreiros destas instalacións desconfían de que deste xeito haxa un futuro produtivo para as mesmas.

Malia que, ao contrario do exposto por algúns representantes políticos no conflito ao longo dos últimos anos polo prezo da enerxía para os grandes consumidores, Alcoa non pechou A Coruña e Avilés polo prezo da luz -atribuíu os ERE extintivos presentados á “obsolescencia e ineficiencia” das fábricas-, os obreiros entendían que sen un abaratamento da enerxía sería complicado atopar un comprador produtivo, confiando para iso na aprobación dun estatuto das electrointensivas que o Goberno ten aínda por tramitar.

O COMITÉ PROPUÑA UNHA TREGUA DE SEIS SEMANAS

A proposta do comité de San Cibrao na derradeira xornada do período de consultas do ERE foi abrir un proceso de venda a Alvance, de seis semanas, coas cubas operativas. De non haber acordo entre a titular e o posible comprador, retomaríanse as negociacións no último día, é dicir, cunha única xornada de negociación para que expirase o prazo. Os obreiros resaltan que esta proposta supón unha concesión á empresa con respecto á suxerencia da autoridade laboral, a Xunta de Galicia, que instou a Alcoa a retirar o ERE e negociar con Liberty House, para presentalo de novo de non frutificar unha transacción.

O PERÍODO DE CONSULTAS, ROTO UNILATERALMENTE POLA COMPAÑÍA

Alcoa rexeitou esta opción e alegou “temer” pola “integridade física” dos seus delegados -despois de que algúns obreiros tirasen ovos ás furgonetas nas que se desprazaban á sé dos encontros- para dar por rotas as negociacións e asegurar que nun prazo de catorce días comunicará a súa decisión á autoridade laboral. “Non se poden celebrar reunións presenciais”, afirmou a multinacional, que falou de “intimidación” e “violencia“, o que os sindicatos entenden como “unha evidente sobreactuación“. As actas de desacordo están por asinar; a compañía pretende que a sinatura sexa telemática.

A CONTRARRELOXO

Nesta situación, e despois do ‘plante’ de Alcoa ás Administracións e sindicatos na xuntanza convocada polo Ministerio de Industria, os obreiros apelan ao Goberno central para que proceda á intervención da fábrica, unha opción que o Executivo estatal descartou desde un principio, ou ben a Xunta e Estado para que empurren a Alcoa a negociar co posible investidor. A resposta, conxunta entre institucións e centrais sindicais a nivel estatal trala ausencia da empresa na xuntanza, foi un compromiso de “unidade” para “facer efectiva unha venda”. Máis alá de mencionar “as certezas necesarias” para concretar o proceso, no breve comunicado non se recolle unha postura sobre a parada das cubas. Os empregados afrontan dúas semanas chave para tentar que o corazón industrial da Mariña continúe latendo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...