“Como pode ser que unha lingua teña un tratamento tan diferente a un e outro lado do Eo?”

A Xunta pola Defensa da Llingua Asturiana agarda que a Xunta Xeral do Principado debate antes de marzo a proposta de oficialidade para o asturiano e o galego asturiano

Manifestación pola oficialidá recorrendo as rúas de Oviedo o pasado 21 de abril. Iván. G. Fernández

O pasado 19 de outubro Izquierda Unida e Podemos Asturies Proposición de Lei de reforma del Estatuto de Autonomía para declarar a oficialidade do asturiano e do galego asturiano.

A iniciativa políca segue ao crecente interese que a cuestión lingüística tomou na sociedade asturiana e que se reflectiu no éxito da “manifestación pola oficialidá” celebrada o pasado 21 de abril en Oviedo.

Unhas 30.000 persoas acudiron ao chamamento da Xunta pola Defensa da Llingua Asturiana (XDLA).

O colectivo mantén que a loita polos dereitos lingüísticos, que latexa na rúa, con pulso variable, desde 1976, está ante unha oportunidade histórica de ver materializada a reivindicación da oficialidade.

Entrevistamos a Xose Candel, voceiro da XDLA.

Cal foi o papel da XDLA no impulso da proposta lexislativa que se tramita na Xunta Xeneral?
Desde 1984 que nace como asociación, a XDLA traballa en dous obxectivos: o recoñecemento dos dereitos dos falantes de asturiano e galego asturiano e a promoción e dignificación do uso das linguas, na medida das súas posiblidades.

Historicamente, a asociación alentou a creación dos servizos de normalización lingüística nos concellos e outras iniciativas municipais a favor das linguas propias como aprobación de ordenanzas de uso do asturiano e do galego asturiano pero no 2015, coa entrada na Xunta Xeral de novas forzas políticas, decidimos dar o salto ao plano institucional na procura dunha reforma estatutaria para o recoñecemento da oficialidade das linguas.

En xaneiro de 2016, Vegadeo aprobou unha ordenanza municipal que declarou oficial o galego asturiano

Nese novo escenario político, comezamos a campaña Conceyos pola Oficialidá coa que fomos establecendo contactos e tendendo pontes de diálogo con representantes de todos os partidos e logramos que o debate sobre as linguas volvese entrar de cheo na axenda política.

Ao tempo, traballamos con xuristas nunha fórmula legal para aproveitar o oportunidade histórica que se presentaba na Xunta Xeral, onde por primeira vez podíamos lograr o apoio dunha cuarta parte dos representantes para reformar o Estatuto.

Despois de conversacións iniciais con Podemos, IU e Foro, en setembro de 2017 presentamos o chamado Proyectu 2018 no que concretamos a proposta da Xdla para unha nova redacción do artigo 4º de Estatuto na que se recoñeza a oficialidade do asturiano e galego asturiano.

No acto, tivemos o respaldo do rector da Universidade de Oviedo, Santiago García Granda, e do secretario da Academia de la LLingua Asturiana, ademais dunha representación ampla de organización sociais e culturais de Asturias. O texto entregouse a todos os partidos políticos a comezos de 2018.

IU e Podemos Asturies suman 14 representantes na cámara asturiana

A Proposición de Lei rexistrada por IU e Podemos Asturies reproduce esa proposta inicial?
Introduciron algunhas modificacións. A nosa proposta establecía un tratamento simétrico para asturiano e galego asturiano, mentras que o texto rexistrado establece que o galego asturiano será oficial “no seu ámbito territorial e nas relacións da cidadanía coa administración autonómica”.

Tampouco se inclúe a consideración das linguas como “linguas propias”. Con todo, felicitámonos da súa entrada na Xunta Xeral. Estamos ante unha oportunidade histórica para avanzar no recoñecemento dos dereitos lingüísticos en Asturias.

MECANISMO INÉDITO

Como será a tramitación en canto aos prazos?
É un mecanismo inédito. Nunca se abrira unha reforma estatutaria a proposta dun cuarto dos representantes. Ata agora todas as modificacións se abordaran por iniciativa do goberno autonómico, polo que hai certas dúbidas en relación coa fórmula para a súa admisión a trámite.

En todo caso, sexa automática ou requira dunha votación dos grupos, agardamos que supere este procedemento para que se abra o prazo de presentación de enmendas e a proposta se poida debater antes da disolución da cámara a mediados de marzo.

A aprobación da reforma require o apoio de 27 dos 45 deputados da Xunta Xeral, que posibilidades existen de que saia adiante?
O PP está nunha posición moi belixerante con respecto ao asturiano e ao galego asturiano, polo que as posibilidades de que a reforma se aprobe pasan por un voto favorable do PSOE.

As declaracións dos seus representantes son bastante contraditorias. Algúns parlamentarios alegan que o programa co que se presentaron ás eleccións non incluían á oficialidade, pero o certo é que no último Congreso da Federación Socialista Asturiana en 2017 aprobouse unha moción na que se comprometeron a apoiar a oficialidade con ocasión dunha futura reforma do Estatuto.

Ese é exactamente o escenario no que estamos, e iso é o que esperamos que fagan.

En canto a Ciudadanos, tivemos bastantes reunión coa comisión de cultura e co voceiro parlamentario, pero recentemente posicionáronse en contra. Supoñemos que se impuxo a liña do partido a nivel estatal.

Con respecto a Foro, a súa postura deu bastantes bandazos nestes anos. Estiveron na presentación do Proyectu 2018 pero logo desmarcáronse e din que non queren falar do asunto.

A XDLA agarda que a Proposición de Lei se debata na Xunta Xeral antes da disolución da cámara para as vindeiras eleccións

Sería a primeira vez que se debatería unha declaración de oficialidade na Xunta Xeral?
Si, sería a primeira vez. PP e PSOE, que tiñan a hexemonía na cámara, bloquearon sempre esa posibilidade malia que o Estatuto de Autonomía se reformou, por outras cuestións, en dúas ocasións e a reivindicación estaba xa moi presente nas rúas.

En 1995 e en 2006, fixéranse tamén manifestacións multitudinarias a favor da oficialidade.


En que cambiou o escenario social desde ese momento?

Nestes últimos anos, o asturiano e o galego asturiano foron gañando prestixio e espazos de uso. Pasaron de estar nas cociñas a seren linguas de uso nas relacións laborais e nos escenarios da mocidade.

Non se trata só dunha percepción. Hai enquisas que o confirman os estudos sociolingüísticos do Francisco J. Llera Ramo, director do Euskobarómetro.

O asturiano entrou nas escolas nos oitenta polo que, malia todas as carencias, hai unha parte moi importante da poboación que tivo ese contacto escolar coa lingua, e compartimos que iso foi determinante na evolución da percepción e dos usos da lingua, moito mellor considerada que en etapas pasadas.

ESCOLA

Cal é agora a situación da lingua na escola?
Desde a entrada en vigor da LOMCE, o asturiano ten no ensino primario unha materia espello, cultura asturiana, que ademais introduciu bastante confusión. Algunhas persoas entenden que cultura asturiana inclúe tamén a lingua cando non é así.

Paradoxalmente, o que fai é excluír a lingua do currículo do alumnado de primaria. Con todo, segundo os datos que manexamos, o 60 por cento do estudantado da etapa de primaria elixe lingua asturiana.

A porcentaxe baixa ao 15 por cento en secundaria obrigatoria xa que o asturiano pasa a ser unha materia optativa que compite con outras como segunda lingua estranxeira ou iniciación á actividade empresarial. No bacharelato, a demanda dilúese aínda máis polo cómputo de horas establecido para as optativas.

Que sucede co galego asturiano?
Sobre o papel, a situación é a mesma. No seu ámbito territorial, na escola impártase galego asturiano en lugar de asturiano. Na práctica, as dificultades dos docentes son moito maiores porque non teñen libros nin material escolar no que apoiar a súa labor.

O galego asturiano fálase nos dezaoito concellos máis occidentais do Principado de Asturias

Cales son os argumentos dos actores políticos e sociais contrarios á oficialidade?
Máis que argumentos cremos que pesan factores psicolóxicos como o autoodio. Atopamos con frecuencia posicións como as que mostrou recentemente nun pleno en Castrillón un concelleiro do PP que se negou a debater en asturiano porque, dixo, “non quería que o chamasen aldeano”. Pese aos avances que comentamos, esa mentalidade persiste.

Logo, circulan outros mantras como “asturiano si, oficiliadade no”. Escúdanse na Lei de uso e promoción do asturiano de 1998, unha normativa contra a que, na práctica, sempre puxeron moitas trabas e que, en todo caso, está totalmente vencida.

Foi feita para outros tempos nos que non existía nin internet, nin televisión autonómica nin tampouco a LOMCE.

Tamén se amparan en motivos económicos, alegando que a oficialidade suporá un coste altísimo e que irá en detrimento de servizos como a sanidade, ademais de supoñer obrigas novas para o funcionariado. Son argumentos falsos, e a mellor proba é que ningunha das comunidades que declarou a oficialidade das súas linguas renunciou a ela.

No caso do galego asturiano, a contradición dos posicionamentos dos partidos nas dúas comunidades veciñas é máxima: como pode ser que a mesma lingua teña unha consideración tan diferente a un e outro lado do río Eo?

As linguas propias gañaron prestixio e espazos de uso, pero o autoodio persiste

Cal é o peso do galego asturiano no debate sobre a oficialidade?
Todos os colectivos sociais e culturais asumimos xa hai anos que a oficiliadade ten que ser para as dúas linguas, asturiano e galego asturiano, e creo que os partidos que respaldan a oficialidade tamén o entenden así, independentemente do modelo que se estime para encaixar a oficialidade na normativa.

Unha das grandes fortalezas do galego asturiano, mesmo fronte ao asturiano, é que a cadea de transmisión xeneracional non se rompeu como si sucedeu co asturiano nos entornos máis urbanos. A excepción de Navia, e quizais algo Tapia, asúmese que todas as persoas do ámbito territorial do galego asturiano son potenciais falantes. É unha lingua moi viva, e iso tamén transcende ao activismo social en favor dela.

PROPOSTAS PARA A NORMALIZACIÓN

A oficialidade é un punto de partida. Logo tocará desenvolver un marco normativo que desenvolva os dereitos dos falantes. Que proporá a XDLA? Cal sería o modelo?
Un ámbito prioritario será o do ensino, porque é a ferramenta básica para que os cidadáns poidan coñecer e falar a lingua. Cremos que o asturiano e o galego asturiano deberían implantarse en todos os niveis e para todo o alumnado.

Nos dous últimos anos, comezou a desenvolverse nalgúns centros un modelo de vehicularidade no que cremos que se debería profundizar, ou valorar experiencias de inmersión lingüística segundo os centros e as características do entorno do alumnado.

Ademais, a oficialidade traería de forma automática a creación das especialidades para o profesorado que imparte as linguas, equiparando as súas condicións laborais ás do resto dos docentes

“O asturiano e o galego asturiano deberían implantarse en todos os niveis do ensino e para todo o alumnado”

Tamén cremos que é necesario cambiar o modelo da televisión e da radio pública asturiana nos que a presenza das linguas é case testemuñal.

A TPA emite menos de cinco horas á semana de contido en asturiano, mentres que na RPA o único espacio para o asturiano é un informativo de dez minutos de luns a venres.

Ademais, na industria cultural, faltan medidas de discriminación positiva que incentiven o uso das linguas propias. As empresas que o están facendo agora fano por pura militancia.

Se me preguntas por un modelo, creo que o galego podería servirnos de referencia. Son linguas irmás e sociolóxicamente somos tamén moi parecidos.

Cal é a relación da XDLA cos colectivos e asociacións galegos en defensa da lingua?
Non é unha relación estable nin continuada, pero si temos contacto.

Sabemos que A Mesa pola Normalización Lingüística se congratulou da presentación na Xunta Xeral da proposta para a declaración da oficialidade e hai uns meses fomos convidados polo Consello da Cultura Galega a unhas xornadas sobre a aplicación da Carta Europea das Linguas.

Que sucederá se non se dan os tempos para o debate nesta lexislatura ou a votación non sae adiante?
Pois non queremos poñernos nesa tesitura e, cando teñamos definidas as datas ou prazos para o debate, volveremos convocar unha mobilización para reafirmar o apoio co que contan a oficialidade.

Se aínda así, a proposta non sae adiante, o día despois das eleccions seguiremos pedindo entrevistas e compromisos para que a oficialidade se materialice. Cambiaremos o Proyectu 2018 polo 2019 e insistiremos porque é un tema suficientemente traballado e que non ten espera.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here