O Eo busca o futuro na pesca sen morte

O CIT da Pontenova promove a declaración de dous treitos protexidos en Salmeán e Xinzo

Treito salmoneiro do Eo na Pontenova. PESCASALMON.COM (ROMÁN HERRERO)

A pesca sen morte gaña terreo como fórmula para a sostenibilidade da actividade pesqueira no río Eo. O Centro de Iniciativas Turísticas da Pontenova (CIT) promoveu a declaración de dous treitos sen morte nos cotos de Salmeán e Xinzo. A iniciativa segue a adoptada no 2001 polo concello de San Tirso de Abres, que solicitou este medida de protección para a zona da ponte.

Unha vez que te acostumas, desfrutas igual do río. Hai xente, sobre todo de corenta anos para arriba, que se non pode levar troitas para a casa xa non vén, pero temos que concienciarnos e empezar a mirar pola pesca. Hai que axudarlle ao río”, defende Francisco Javier Rois, ‘Taracho’. Rois é responsable do CIT, concelleiro de Medio Ambiente e, desde moito antes, pescador. “Empecei aos nove anos e teño 54”, resalta.

en 1980 capturáronse 1.222 salmóns. neste mes de campaña, cinco

Nestas catro décadas, o río tornouse irrecoñecible para os pescadores veteranos que, preguntados polo pasado, mencionan a tempada na que se capturaron 1.222 salmóns, no ano 1980, segundo recolle a estatística oficial.

As cifras non resisten comparación: o balance provisional desta campaña, que se iniciou o pasado 15 de abril, indica que se capturaron cinco salmóns. A decadencia arrastrou tamén a afección pola pesca. “Cada vez hai menos pescadores. A xente abúrrese e busca outros hobbies”, explica Taracho, que acredita tamén o impacto que esta deserción da pesca tivo noutros sectores como a hostalería.

CAUSAS

As causas deste empobrecemento do río son múltiples. Os pescadores apuntan a contaminación das augas “por abonos químicos, pesticidas ou mesmo o sal que se bota nas carreteras polo inverno, que acaba no río”, e, sobre todo, a pesca industrial no mar. Os salmóns, que nacen no río, retornan ás mesmas augas a desovar despois de anos e miles de quilómetros recorridos no océano. A sobreexplotación desta especie mar adentro incide directamente sobre a poboación dos ríos.

Os tramos sen morte, nos que os exemplares se devolven á auga e continúan o seu ciclo vital coa reproducción, convertéronse nunha das poucas medidas de protección que os pescadores teñen na súa man.

ESTUDO

Outras accións requiren o concurso de máis actores, pero os fieis ao río non se resignan. O CIT pontenovés encargou un estudo pormenorizado do Eo para concretar as causas desta situación que se arrastra desde hai décadas “sen que se puxese en marcha ningún plan de conservación ou recuperación da pesca”.

O biólogo Fernando Cobo, responsable da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, encargarase de realizar esta investigación que, agardan, “sirva de base para que a administración actúe”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here