A Xunta estimula Mondoñedo e Viveiro con vivenda protexida

O Goberno galego habilita dous fogares nos Muíños e entrega outros dous no casco viveirense

Presentación da obra no barrio dos Muíños. ARQUIVO XORNAL DA MARIÑA

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a remodelar un edificio emprazado no barrio dos Muíños de Mondoñedo para a habilitación de dúas vivendas de promoción pública. A Xunta de Galicia, que destina nesta actuación un orzamento duns 400.000 euros, prevé que as obras estean rematadas no 2019.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o edificio xunto á alcaldesa mindoniense, Elena Candia, e explicou que a remodelación do inmoble respectará a singularidade da fachada, construída en recebado de cal sobre pedra e formigón. Deste xeito, sinala Balseiro, “acadamos dous obxectivos: incrementar o número de vivendas a prezos asequibles e, por outra banda, poñer en valor un espazo emblemático como o barrio dos Muíños”.

Candia sinalou que dous artesáns puxéronse en contacto co Concello para interesarse polas condicións para instalarse no barrio.

ENTREGA DE PISOS

O delegado territorial da Xunta de Galicia entregou en aluguer dúas vivendas de promoción pública no casco histórico de Viveiro. A primeira está situada na rúa Melitón Cortiñas e a segunda en Rosalía de Castro.

Balseiro asegurou que a recente renovación das listas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, permitiu reiniciar os chamamentos en Viveiro, que tiña pisos baleiros pero esgotara a relación de candidatos. Así, os interesados en optar a un fogar de protección pública poden inscribirse no rexistro único de demandantes, ben presencialmente, ben a través da sede electrónica da Xunta.

ALFOZ

O Executivo galego, a través do Fondo de Compensación Ambiental, achegou 100.500 euros ao Concello de Alfoz para distintas obras e servizos de carácter medioambiental. A maioría da subvención destinouse á conexión do Castelo de Castrodouro, monumento declarado Ben de Interese Cultural (BIC), á rede de saneamento municipal. O goberno local alfocense utilizou tamén a axuda para financiar o servizo de recollida de lixo que comparte co municipio do Valadouro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here