InicioM.ambiente e PatrimonioEn Marea pide ao ICOMOS que "investigue" os "estragos" causados no Camiño...

En Marea pide ao ICOMOS que “investigue” os “estragos” causados no Camiño polo eólico das Sasdónigas

O voceiro da formación, Luis Villares, reuniuse este xoves en Mondoñedo cos veciños afectados polas expropiacións dos terreos para a construción da segunda fase do parque

Publicada o

- Advertisement -

En Marea denunciou ante o ICOMOS -comité asesor da UNESCO en materia de patrimonio- os “estragos” provocados polas obras da segunda fase do parque eólico das Sasdónigas no Camiño de Santiago, Patrimonio Mundial da Humanidade.

O lider do partido instrumental, Luis Villares, explicou en Mondoñedo que presentaron “unha denuncia colectiva” pola afectación das rutas de peregrinación a Compostela en diferentes puntos.

Ademais de pedir un pronunciamento sobre o treito mindoniense, advirten de “danos patrimoniais e paisaxísticos” en Santa María de Oia, polo estado do mosteiro, e no entorno da mina de Touro.

“Nos tres casos os danos son consecuencia de obras autorizadas pola Xunta”, criticou Villares, que puxo a situación en contraste coa campaña de promoción do Xacobeo que está a realizar o goberno galego.

“Pedimos ao ICOMOS que investigue e que actúe porque se están a poñer en perigo os valores que debe protexer”, demandou o voceiro de En Marea.

Nesa liña, lembrou a intervención do comité asesor en relación coa muralla de Lugo, cando se tramitaba a súa declaración como Patrimonio da Humanidade.

En 2007, os informes da entidade, contrarios á construción dun auditorio no Cuartel de San Fernando pola súa afectación ao entorno da muralla, propiciaron que o proxecto se retirase.

REUNIÓN COS AFECTADOS POLAS EXPROPIACIÓNS

Luis Villares e mais o coordinador local de En Marea, Manuel Germade,  reuníronse este xoves na sede do Centro Comarcal cos afectados polo procedemento expropiatorio dos terreos da segunda fase do parque eólico, que veñen denunciando “irregularidades” na tramitación das actas de ocupación das súas propiedades.

A veciñanza tamén advertiu dos danos ambientais que os traballos están a causar sobre unhas turbeiras localizadas na zona e mais sobre os mananciais e humidais do entorno do río Gontán.

En Marea comprometeuse a “levar as súas reivindicacións ao Parlamento de Galicia”, onde xa presentaron iniciativas en contra da execución da primeira fase do parque de Norvento.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...