Ribadeo reparte 1.000 frondosas entre os que cumpren coa lei de lumes: “somos exemplo para Galicia”

O Concello avisa que executará limpezas subsidiarias con custo aos propietarios nas fincas que non están acorde coa normativa

Reparto das frondosas. AXM

O Concello de Ribadeo entregou este xoves preto de 1.000 árbores frondosas para a súa plantación en 57 parcelas afectadas pola lei de incendios de Galicia.

O goberno local repartiu entre 38 propietarios dos terreos pradairos, bidueiros, freixos, castiñeiros híbridos, cerdeiras, carballos, abeleiras e nogueiras.

O executivo municipal investiu 6.500 euros para compensar deste xeito aos propietarios que, a instancias do Concello, limparon as súas fincas de especies pirófitas e mantiveron as faixas de protección respecto ás vivendas que estipula a lexislación.

Quixemos ter unha atención con aqueles que de maneira voluntaria foron cumprindo. De aí que ideamos este sistema que nos parece o mellor porque, cando se pela unha faixa de protección, despois acaba retoñando. Entón a mellor maneira é poñer a vexetación frondosa que é a que tamén contén o lume e que evita os toxos ou o eucalipto”, explicou o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia.

CAMPAÑA CONTRA AS PIRÓFITAS

Logo dunha campaña na que utilizou un helicóptero para velar o cumprimento da normativa ou buscou donos sen identificar a través do Boletín Oficial do Estado (BOE), o goberno local constatou no pasado mes de xaneiro que “o 80% das parcelas” cumpren a lei de incendios.

Somos un concello modélico e estamos a dar exemplo en Galicia”, asegurou o alcalde.

Con todo, Suárez Barcia advirte de que, malia que “case todo o mundo cumpriu, nas fincas onde non se cumpriu o Concello vai executar as limpezas subsidiariamente nos próximos tempos”, con custo aos propietarios. 

FUTURA ZONA VERDE

O Concello de Ribadeo anunciou que está a realizar traballos de adecentamento no aparcadoiro comprendido entre as rúas Alfredo Deaño, Pintor Fierros e Avenida de Galicia.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), “xa consolidado” tras desestimar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) cinco recursos interpostos contra o documento, contempla a creación dunha zona verde e deportiva nesa bolsa de terreo.

Suárez Barcia explicou que “había unha zona que estaba totalmente agreste e estamos desbrozando e sacando residuos, polo que nestes días veremos como vai quedando unha zona de esparexemento libre, pública e adecentada, de feito estámola agora sementando”.

O alcalde agarda que “sexa un primeiro paso para expropiar unha parte deses terreos, porque hai unha parte que xa é pública pero hai outra que non, e nesa gran mazá que delimita Alfredo Deaño, Avenida de Galicia e a rúa Pintor Fierros, poida haber un parque e unha zona deportiva”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here