InicioM.ambiente e PatrimonioAdega pide a nulidade do fallo que absolve ao alcalde de Barreiros...

Adega pide a nulidade do fallo que absolve ao alcalde de Barreiros “por erro na apreciación da proba”

O colectivo ecoloxista recorreu a sentenza que exculpa a Fuente Parga, cinco edís do goberno de 2006 e a arquitecta municipal de prevaricación urbanística

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) recurriu a sentenza do Xulgado nº 2 do penal da Audiencia de Lugo que absolveu ao alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, a cinco edís do goberno local en 2006 e á arquitecta municipal dos delitos de prevaricación urbanística dos que foron acusados pola Fiscalía e a agrupación ecoloxista, que exerceu a acusación particular.

A asociación ecoloxista entende que o xuíz “non apreciou correctamente a proba de que as licenzas presuntamente ilegais foron concedidas para un solo que non reunía a cualificación urbanística precisa”.

REIVINDICA AS TESTEMUÑAS DA APLU

Adega entende que o maxistrado “dirime unha cuestión técnica -a categoría do solo- dando máis valor aos informes dos peritos da parte interesada (dos acusados/as) elaborados anos despois da concesión das licenzas que aos técnicos da APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística), case inmediatos aos feitos e que ademais gozan da presunción de veracidade que se lles supón como funcionarios públicos”.

“INSUFICIENCIA” DE SERVIZOS

Outra das cuestións nas que a agrupación difire do fallo é que “o tribunal tampouco valora a insuficiencia dos subministros (abastecemento eléctrico, auga e sumidoiros) nen a entidade das obras complementares necesarias para adquisición da consideración de solar, sendo este precisamente o requisito esixido pola Lei para que as parcelas poidan ser edificábeis”.

O colectivo fala de “contradicións” por parte da arquitecta municipal, que mesmo “chega a afirmar que as parcelas non tiñan a condición de solar”, e dos peritos da defensa, “que mesmo relatan a realización de importantes obras de “acondicionamento” a posteriori da concesión das licenzas”.

Ambas declaracións, afirma Adega, “confirman que nin as parcelas eran solares nen as obras de acondicionamento levadas a cabo con posterioridade eran menores, reforzando as teses das acusacións”.

Segundo expón Adega, o xuíz “obvia tamén que a mesma proposta de convenio de colaboración entre diversas institucións para dotar de servizos ás promocións denunciadas, é a “proba do nove” definitiva para demostrar a insuficiencia de servizos e, portanto, a non adecuación do solo ás licenzas concedidas”.

Se se pretende dotar dos servizos básicos a determinados núcleos é porque non os tiñan, e se non os tiñan non podían terse dado licenzas para solares que non eran tais”, argumenta o colectivo, que lembra que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) “tamén o interpretou así ao anular o Plano Sectorial que pretendía executar as obras de urbanización propostas no convenio e desbaldir 14 millóns de euros de cartos públicos”. 

PISCINAS E ZONAS RECREATIVAS

Outra das carencias do fallo, indica Adega, é que non ten en conta a “reiterada consideración das plantas baixo cuberta como ático así como as autorizacións das piscinas e zonas recreativas baixo a consideración de obras menores”. Deste xeito, Adega solicita a nulidade da sentenza, por “erro manifesto na apreciación da proba e por infracción do ordenamento xurídico”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...