InicioM.ambiente e PatrimonioMariña Patrimonio e Adega acusan á Xunta de desprotexer un xacemento da...

Mariña Patrimonio e Adega acusan á Xunta de desprotexer un xacemento da Idade do Bronce en Cervo

As asociacións critican que Patrimonio de Lugo non catalogou o sitio arqueolóxico malia atopar no 2010 unha "notable" abundancia de cerámica e instan a actuar á Consellería de Cultura

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) e Mariña Patrimonio acusan á Xunta de Galicia de desprotexer un xacemento da Idade do Bronce ubicado en Cuíña, no concello de Cervo.

As dúas agrupacións explican que informaron a comezos do pasado mes de febreiro tanto ao goberno local como ao Servizo de Patrimonio de Lugo sobre os movementos de terra producidos por tareas de limpeza nunha finca de Cuíña situada a poucos metros dun sitio arqueolóxico.

As actuacións, segundo Adega e Mariña Patrimonio, poderían ter afectado ao xacemento, no que se atoparon centos de fragmentos de cerámica. Segundo os arqueólogos consultados polos dous colectivos, estes restos datarían da Idade do Bronce.

NON INCLUÍDO NO CATÁLOGO DE PATRIMONIO

O xacemento de Cuíña foi descuberto por Mariña Patrimonio en 2010, e daquela informárase ao Servizo de Patrimonio de Lugo da súa existencia, ao tempo que se solicitara a súa catalogación e protección. En abril dese ano, os técnicos documentaron “unha concentración notable de cerámica”.

os colectivos lamentan que o sitio arqueolóxico “puido verse afectado” por movementos de terra no pasado febreiro

Mariña Patrimonio e Adega critican que, malia as evidencias obtidas, o Servizo de Patrimonio de Lugo “non tramitou o procedemento de inclusión do xacemento no catálogo, quedando desprotexido este ben patrimonial”.

O CONCELLO PARALIZOU OBRAS NO 2018

A comezos de 2018, precisan as asociacións, “o paso de maquinaria pesada por esta zona arqueolóxica desprotexida provocou novamente o afloramento dunha inxente cantidade de fragmentos cerámicos”.

Os colectivos contactaron nesta ocasión co Concello de Cervo para informar sobre a “anómala desprotección” deste importante xacemento. Ambas asociacións valoran “a receptividade” do goberno local, que paralizou os movementos de terra que se estaban a realizar nas inmediacións do depósito arqueolóxico durante a limpeza dunha finca.

Con todo, Mariña Patrimonio e Adega lamentan que as reunións mantidas no 2018 con membros da Dirección Xeral de Patrimonio en Santiago non serviron para que se protexese o xacemento.

Así, instan á Consellería de Cultura a que “recolla canto antes os restos arqueolóxicos diseminados polo lugar e corrixa o posible erro do Servizo de Patrimonio de Lugo, que non catalogou un ben patrimonial do que teñen constancia desde 2010”.

CASTRO DA TRINIDADE

Non é a primeira vez que Adega e Mariña Patrimonio acusan a Patrimonio de Lugo de non cumprir coas súas funcións de protexer os bens patrimoniais. No pasado mes de outubro as dúas agrupacións denunciaron ante a Fiscalía que unha canteira destrozou coa súa permisividade un xacemento inventariado, o Castro da Trinidade de Mondoñedo.

O Ministerio Fiscal abriu unha investigación que fica aberta e a Xunta recoñeceu os danos no xacemento producidos pola explotación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...