Suárez Barcia explicará en Bruxelas a xestión do eucalipto en Ribadeo

Participará nun encontro organizado pola eurodeputada do BNG Ana Miranda con representantes da Comisión Europea para abordar a situación da especie en Galicia

Reparto de frondosas en Ribadeo. AXM

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, participará nun encontro dunha delegación galega encabezada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, con representantes da Comisión Europea para explicar a “contradición existente” entre os datos de superficie de eucalipto en Galicia e os que manexa esta institución.

En concreto, a delegación reunirase co xefe de gabinete do Comisario de Medio Ambiente, Karmenu Wella, e coa directora de Coordinación Política da Dirección Xeral de Cambio Climático, entre outros. Xunto a Suárez Barcia e Miranda acudirán os alcaldes das Neves, Baños de Molgas e Rianxo, ademais de varios portavoces de plataformas ambientais.

Miranda organizou este encontro trala resposta emitida por Wella a unha pregunta presentada pola eurodeputada. O xefe de gabinete do Comisario de Medio Ambiente, aínda sendo consciente do uso de eucalipto na silvicultura galega, asegurou que o programa de desenvolvemento rural actual “exclúe o aumento de superficie forestal” dedicada a esta especie e establece un marco para evitar a súa propagación.

500.000 HECTÁREAS OCUPADAS

Así, Miranda conclúe que a CE “dispón de datos falsos” sobre a plantación desta especie en Galicia, dado que a nova planificación “dá por boas as máis de 250.000 hectáreas de eucalipto aumentadas” desde a aprobación do plan vixente (en 1992) e varios expertos alertan de que a súa presenza se incrementou “descontroladamente“. Por iso, a eurodeputada transmitirá que o eucalipto ocupa unhas 500.000 hectáreas actualmente.

CAMPAÑA

O goberno local ribadense completou ao longo do último ano unha campaña para obrigar aos propietarios de fincas a que eliminasen as especies pirófitas -entre elas o eucalipto- para cumprir coas faixas de protección ás casas que especifica a lei de incendios.

A utilización dun helicóptero para vixiar o cumprimento da normativa, a búsqueda a través do Boletín Oficial do Estado (BOE) dos donos sen identificar ou o fomento da repoboación con 1.000 frondosas de balde para premiar aos propietarios cumpridores, ademais de limpezas subsidiarias nas fincas en situación irregular, foron algunhas das iniciativas impulsadas polo Concello para reducir a superficie de eucalipto no municipio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here