InicioM.ambiente e PatrimonioRamiro Fernández: "as rutas xeolóxicas son un éxito asombroso, fixéronas 2.000 persoas"

Ramiro Fernández: “as rutas xeolóxicas son un éxito asombroso, fixéronas 2.000 persoas”

O edil de turismo de Burela subliña que os itinerarios do Cantiño, A Marosa e O Perdouro ofrecen "información e seguridade" para desfrutar de recursos xeoturísticos únicos

Publicada o

- Advertisement -

Concello de Burela ofrece de novo pola Semana Santa unha alternativa turística que tivo unha boa acollida nos últimos anos, as Xeorutas. O edil de turismo, Ramiro Fernández Rey, indica que os itinerarios non só atraeron ao longo dos últimos anos a visitantes, senón tamén a moitos veciños do municipio que descoñecían o potencial xeolóxico do mesmo.

Que ofrecen as rutas xeolóxicas ao participante?

Hai unha serie de recursos xeoturísticos e naturais que queremos dar a coñecer e poñer en valor. Este tipo de rutas ofrecen información e seguridade para as persoas que queiran acceder a eles.

Son unhas rutas que teñen moito éxito tanto entre os veciños como entre os turistas. Nas primeiras edicións viña moita xente de Burela, que aprendeu cousas que non sabía sobre o seu municipio. Agora cada vez hai máis visitantes, están a ter un éxito asombroso.

TRES ALTERNATIVAS

O ano pasado incorporaron a ruta do Cantiño e este ano manteñen os tres itinerarios.

Así é: A Marosa, O Perdouro e O Cantiño.

O paseo que chega á praia do Cantiño caracterízase por mostrar materias da chamada Rasa Cantábrica, unha superficie de erosión que ten máis dun millón de anos.

O itinerario do Perdouro permite ver o conxunto de pregues mellor conservado de Galicia, unhas estruturas que teñen máis de 300 millóns de anos de antigüidade, e a igrexa de Coedo, cuns arcos que son espectaculares. É unha ruta moi bonita.

No caso da Marosa, poden verse as formas que adquiren as rochas graníticas co paso dos anos, co atractivo do mar tamén para os participantes.

ADAPTADO PARA TODOS

O percorrido das rutas está adaptado para os non iniciados.

Realmente son asequibles a calquera persoa, aínda que no caso da igrexa de Coedo só se chega en marea baixa, o acceso non é tan doado e non está recomendada para nenos.

As prazas son limitadas.

Si, a 20 persoas por vez. Limitamos as prazas para que as rutas sexan o máis seguras posibles e tamén para que a explicación sexa máis proveitosa e doada de atender. Primamos a calidade.

Cartel das Xeorutas de Burela. AXM

Contribúen as rutas xeolóxicas a afianzar o atractivo turístico de Burela?

Cremos que si. É unha aposta pola nosa banda que supón un desembolso económico e que e implica contar cun xeólogo que é especialista neste tipo de iniciativas e un profesional excelente, como é o guía, Fran Canosa.

Fixemos unha consulta cos hoteis e todos nos din que as expectativas para Semana Santa son moi boas, agardamos que se completen as prazas hoteleiras. Iso fala de que Burela, malia non ter tanta tradición coma outros municipios, está a gañar cada vez máis peso dentro do turismo da Mariña Lucense.

Cando chegamos ao goberno a importancia de Burela a nivel turístico dentro da bisbarra era menor. Agora penso que se está a ver o resultado do traballo do equipo de goberno. A Semana Santa cada vez está congregando máis xente, está sendo máis chamativa e é un foco de atención importante nestas datas.

TAMÉN EN VERÁN

Quenes non poidan participar en Semana Santa teñen máis oportunidades de percorrer as Xeorutas.

Facémolas tanto en Semana Santa como en verán. Para esta edición xa esgotamos as prazas e terán percorrido as rutas xeolóxicas máis de 2.000 persoas.

RUTA CIRCULAR

Apostan polo sendeirismo como polo de atracción. Veñen de abrir unha ruta circular polo municipio.

Así é, un percorrido de 16 quilómetros no que se poden ver boa parte dos atractivos turísticos de Burela. Pasa polo Monte Castelo e polas praias, por lugares de interese paisaxístico, histórico e arquitectónico. Está a ter unha boa acollida e estamos seguros de que se vai afianzar.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...