O Concello nega “malvender” a Torre dos Moreno tralas críticas de En Marea e PP

O partido instrumental calcula que o goberno local perdeu 420.000 euros nas obras realizadas en anos anteriores, mentres que o alcalde afirma que "ata tres taxacións" foron "favorables"

Torre dos Moreno. RIBADEO TURISMO

O Concello de Ribadeo negou este venres “malvender” a súa parte da propiedade da Torre dos Moreno despois das críticas expostas por En Marea e Partido Popular (PP).

A partir do acordo adoptado pola xunta de goberno, o Concello permutará a súa parte do monumento, un 21% do total, coa propietaria maioritaria do inmoble, Paisajes de Asturias. A empresa cederá a cambio un edificio restaurado na Praza de Abaixo, a antiga Casa de Telefónica, para destinalo ao Xulgado de Paz.

En Marea Ribadeo asegura que o 21% de titularidade municipal “foi taxado en 180.000 euros“, unha cantidade que considera “ridícula”. O partido instrumental precisa que a valoración das obras acometidas en anos anteriores, por medio de subvencións ou axudas do Concello, “ronda os 600.000 euros. Isto significa que os 420.000 euros de diferencia, cartos públicos, quedarían a fondo perdido para a empresa”, remarca.

En Marea lembra que “non está redactado un proxecto técnico de restauración”, polo que “é imposible saber o que ten pensado facer a empresa adxudicataria. Descoñécese tamén se existe un prazo de execución da rexeneración e unha concreción dos custos da mesma”, precisa, para recordar que se trata de “datos decisivos para a viabilidade do proxecto”.

en marea lembra que “non hai redactado un proxecto técnico de restauración”

O candidato do partido instrumental ribadense, Evaristo Lombardero, remarca que Paisajes de Asturias “leva uns doce anos restaurando o Pazo de Trenor nas Figueiras e ainda non ten ningún tipo de actividade, o mesmo que as Torres de Donlebún. Tampouco se sabe nada de cando se van rematar as obras da Casa dos Perecitos nin do cine Colón. Noutros edificios da mesma empresa ainda non se iniciaron as obras”, subliña.

“O convenio devandito ten moi poucas posibilidades de facerse realidade. O Concello quítase o problema de enriba sen negunha garantía de execución e os que veñan detrás veranse metidos nunha lameira administrativa mentres a torre segue deteriorándose“, sinala.

o partido instrumental non ve garantías de que o inmoble “non siga deteriorándose”

O PP PIDE QUE SE “EXPLIQUE” A NEGOCIACIÓN

O candidato do Partido Popular (PP) ribadense, Daniel Vega, instou ao alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, a que “explique” a negociación mantida con Paisajes de Asturias, porque “non se pode malvender” un edificio que “identifica claramente ao pobo de Ribadeo”.

Os populares ribadenses aseguran que a torre “debe seguir sendo de titularidade municipal” para “ter dentro dela un espazo público para uso de todos os ribadenses”. No tocante ao Xulgado de Paz, Vega lembra que “xa temos un inmoble que está nun estado calamitoso“.

SEMI RUÍNA

A procura dunha solución para a situación de semi ruína do edificio, que representa un perigo para os viandantes, é o argumento que esgrime o goberno local para ceder finalmente a súa parte da emblemática torre indiana, construída no 1915 cos fondos enviados por Pedro e Juan Moreno Ulloa. O 21% pertencía ao Concello, o 19% a propietarios sen identificar e o 60% a Paisajes de Asturias.

o concello incide en que o prioritario é solventar “un problema de seguridade pública”

“Se conseguimos que se resolva unha situación de seguridade pública e ademais obtemos un edificio rehabilitado a cambio para ubicar o Xulgado de Paz, penso que é un acordo para valorar”, expón Suárez Barcia, que incide en que “todos os partidos presentes na corporación tiveron información sobre os pasos dados”.

O goberno local tamén remarca que rehabilitar o monumento é inviable para as arcas municipais, pois a peritaxe calculaba un orzamento próximo aos 5,15 millóns de euros. “A nosa achega podería ter que superar o millón”, explica. 

o 60% do monumento pertence a paisajes de asturias, e a rehabilitación superaría os cinco millóns

A XUNTA RENUNCIOU AO TANTEO

O alcalde de Ribadeo asegura que antes de comprometer a cesión o goberno local manexou ata tres taxacións diferentes, “as dos técnicos municipais, as dos peritos da Deputación e unha máis que socilitamos a unha empresa especializada. Nós temos o noso criterio, pero neste caso sempre fomos por detrás dos informes, que coincidiron en que o valor do que se recibe é maior ca do que se entrega”.

“fomos por detrás dos técnicos, que nos din que o pacto é favorable”, sinala o rexedor

No tocante ás intencións doutras Administracións, Suárez Barcia lembra que se puxo en contacto coa Xunta de Galicia por se estaba interesada en exercer o seu dereito de tanteo e retracto sobre a propiedade municipal. “Cos informes vinculantes de Patrimonio e de Facenda na man non quixeron saber nada”, afirma o rexedor.   

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here